Crisis Coronavirus

O Psoe pide a Xunta axudas "directas" para a hostelería ourensana

Rodríguez Dacosta destacou a “situación dramática” cun “presidente da Xunta que “se está rir” dos afectados porque “só fai que fai”, mentres outras autonomías ou o Goberno central si aproban axudas

Óscar Gómez

Ourense | (Publicado 19.10.2020 08:15 )

Desinfección en una terraza de Ourense | EFE

O PSdeG-PSOE de Ourense reclama á Xunta axudas directas para a hostalaría tralo “abandono deliberado” de Alberto Núñez Feijóo deste sector, a pesar de ter competencias plenas para impulsar esta solución. Os socialistas consideran “imprescindibles” e “urxentes” estas medidas para paliar os efectos negativos das medidas adoptadas polo goberno galego para frear a emerxencia sanitaria na terceira cidade de Galicia e en parte da provincia, polo que reclaman ao presidente que “deixe o escapismo” e aprobe unha solución inmediata como a que aplican o Goberno central e outros executivos autonómicos desde hai meses.

A deputada no Parlamento, Carmen Rodríguez Dacosta, denunciou hoxe o “olvido do señor Feijóo”. Tanto Rodríguez Dacosta como Juan Carlos Francisco xa presentaron iniciativas no Parlamento, reclamando axudas directas para todos os autónomos e autónomas e, de forma concreta, para a hostalaría que “está a vivir unha situación dramática” polo “confinamento perimetral e polas restricións do servizo no interior”. “Temos que tender a man nun momento tan complicado, pero non podemos deixar atrás aos sectores que están a sufrir unha crise moi importante e cunha perda de postos de traballo que incide directamente na nosa economía”, sinalou a deputada.

“Feijóo ten que deixar de facer que fai e deixar de anunciar axudas totalmente insuficientes e a destempo”, advertiu a parlamentaria quen dixo así mesmo que o goberno galego está “a rirse deles”. Os autónomos e autónomas suman actualmente máis de 22.000 persoas e a industria hostaleira ocupa a case 10.000 persoas dos que máis do 40 % se concentran na capital.

“Non reciben axudas da Xunta a pesar de ser un sector que tivo que facer moitos investimentos para facer fronte á pandemia”, resaltou polo que “Feijóo ten que facer unha diagnose inmediata” e habilitar axudas directas, axudas a fondo perdido e redefinir as liñas do Igape que quedaron “obsoletas xa que non comprenden a este sector”. Rodríguez Dacosta recordou que outras comunidades autónomas como Euskadi, Navarra ou Asturias; o propio Goberno central; e outras institucións como concellos ou deputacións si aprobaron estas medidas.

O deputado, Juan Carlos Francisco, preguntou “onde está a Xunta” que “non está facendo absolutamente nada” e destacou que estamos ante unha “situación complexísima” que “está sendo solventada só coa boa iniciativa dalgúns concellos, por exemplo, o de Verín”. Francisco aseverou que “Galicia ten capacidade económica dabondo” para implementar estas axudas directas “máxime cando o Ministerio de Facenda vén de flexibilizar a regra de gasto para permitir un déficit nas comunidades do 2,2 por cento do PIB”, polo que “aínda é máis incomprensible que non fagan nada na Xunta” porque iso supón que “Galicia pode gastar 1.000 millóns de euros máis”.

“Estamos ante un sector arrasado na provincia de Ourense” nun “momento agónico”, polo que cualificou como unha “tomadura de pelo” o anuncio de Feijóo de investir soamente 5 millóns en “axudas ínfimas” para todos os autónomos e autónomas de Galicia. “A Xunta está escapando das súas responsabilidades”, dixo antes de recordar tamén que o “Centro de Coordinación Operativa (Cecop) que Feijóo constituíu en pleno estado de alarma para, supostamente, sinalarlle ao Goberno central as medidas que debía tomar fronte á pandemia, agora que temos un confinamento similar na nosa provincia aplicado por el mesmo, o Cecop nin existe nin se dan explicacións detalladas de ningún tipo”.