O PSdeG-PSOE pídelle ao senador do PP, Jesús Vázquez, que “deixe de enredar” con “anuncios que son fábulas” sobre a parcela do centro de interpretación de parques naturais situado ás aforas da cidade de Ourense, e que “esixa a Xunta, Deputación e Concello” o “gran balneario que prometeron hai un lustro e do nunca mais tivemos novas”.
O deputado no Congreso, Adolfo Pérez Abellás, destaca o “compromiso” do actual Goberno central para “devolver o lugar á legalidade”, posto que a normativa vixente impide executar a obra. “O executivo do PSOE xa fixo o seu traballo ao impulsar a redacción do proxecto de demolición que executará no seu momento”, salienta antes de recordar que “o Goberno non ten competencia algunha en materia de augas termais”, polo que “deben ser as administracións autonómica e local as que traballen para dotar ao espazo de usos alternativos”.
“Vázquez debería pór fin á campaña de autopropaganda na que está instalado, co único fin de sobrevivir ao desastre do PP na cidade” e “reclamar a Xunta, Deputación e Concello de Ourense a execución do gran balneario que prometeron hai un lustro”, remacha Pérez Abellás. “En 2016, no parque de Montealegre, Alberto Núñez Feijóo anunciou un hotel termal cun Jesús Vázquez aplaudindo en primeira fila, nun acto no que tamén pediu ao consistorio unha ubicación para executar a obra”, recorda o deputado antes de denunciar que “cinco anos despois non existe nin balneario nin ubicación, pero si temos un senador e concelleiro silente ante aquel proxecto incumprido”.
“O único que o PP trouxo para Ourense en materia termal foron fumarolas electorais”, insiste antes de reclamar que os conservadores “cumpran co anunciado” e que “non sometan a Ourense a outro agravio”. Pérez Abellás finaliza recordando que o edificio está situado en “zona de fluxo preferente do río Miño”, polo que é incompatible co plan hidrolóxico da conca.