Eleccións Municipais

O Psoe presenta candidaturas nos 92 concellos da provincia de Ourense

Os socialistas subliñan que o principal obxectivo “é aumentar o número de alcaldías na provincia, captar novos apoios e mudar o goberno provincial para rematar con máis de 3 décadas de políticas clientelares e caciquís do clan Baltar”.

Óscar Gómez

Ourense | 25.04.2023 11:40

O Psoe presenta candidaturas nos 92 concellos da provincia de Ourense
O Psoe presenta candidaturas nos 92 concellos da provincia de Ourense | La Región

O PSdeG-PSOE de Ourense presentará candidaturas nos 92 concellos da provincia, ademais de na entidade menor de Berán, un fito “histórico” que en palabras dos e das socialistas pon de manifesto o “bo estado e momento” do partido na provincia e as “boas sensacións” de cara aos comicios electorais do vindeiro 28 de maio.

Dende a Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense valoran “moi positivamente” o traballo realizado nos últimos meses para impulsar candidaturas en todos os municipios da provincia. Neste senso, os e as socialistas subliñan que o principal obxectivo “é aumentar o número de alcaldías na provincia, captar novos apoios e mudar o goberno provincial para rematar con máis de 3 décadas de políticas clientelares e caciquís do clan Baltar, que afogaron a Ourense e as súas xentes, levándonos a ocupar os peores postos en todos os índices a nivel estatal”.

O PSdeG-PSOE aproveita para lembrar que “este é un partido no que, a diferencia doutras formacións políticas, as decisións tómanse de maneira conxunta entre os órganos do partido e as asembleas a nivel municipal, comarcal e provincial”. Os e as socialista tamén sinalan que o proceso de confección e aprobación das listas “e máis laborioso e democrático que os daquelas forzas políticas nas que as decisións se toman nun despacho e optando polo dedazo”.

Con todo, dende o PSOE ourensán remarcan que o partido “vai a por todas, coa clara intención de aumentar o número de votos, de conseguir máis concelleiros e concelleiras e tamén de sumar novas alcaldías, co obxectivo manifesto de mudar o goberno provincial para que cambie o futuro de Ourense e as súas xentes”.

Con respecto as candidaturas socialistas, destaca a renovación coa presencia de 47 novos e novas candidatas, o que supón que máis do 50% dos concellos terá novos e novas cabezas de lista.