O PSdeG-PSOE de Ourense anuncia que levará unha iniciativa ao pleno municipal deste venres para impulsar a dixitalización do Concello de Ourense a través dun Plan de Modernización Tecnolóxica que contemple e promova o uso das TIC en todos os servizos do goberno local.
Os socialistas defenden a necesidade de afrontar unha “revolución tecnolóxica” no modelo de xestión municipal para axilizar o funcionamento dunha administración que consideran “lastrada” pola nula dixitalización dos seus servizos, así como “ralentizada e saturada” pola escaseza de persoal.
Neste sentido, o concelleiro Wilson Jones denuncia que a mostra máis evidente do “colapso” do Concello son “as colas permanentes e agardas insoportables que ten que padecer a cidadanía para acceder a servizos esenciais como son o rexistro ou o padrón”, cuxos “escasos” traballadores “non poden ir máis axiña porque os sistemas informáticos non llo permiten”. “Na cidade da intelixencia artificial, temos unha administración do século pasado”, lamenta o socialista.
Dende o grupo municipal socialista subliñan a importancia de conxugar o impulso das novas tecnoloxías no goberno municipal cun plan de alfabetización dixital para usuarios e traballadores, co fin de impedir que a fenda dixital obstaculice a implantación da administración electrónica. Neste sentido, lamentan que o alcalde decidise pechar a Aula CEMIT, “unha das ferramentas máis valiosas que tiña a cidade para a formación en novas tecnoloxías”.
“Nos tempos que corren precisamos unha administración pública electrónica que facilite o traballo dos funcionarios e permita á cidadanía acceder aos servizos esenciais a distancia de xeito doado, áxil e seguro; máis agora que a COVID-19 puxo de relevo a escasa capacidade do Concello de Ourense para adaptarse e responder aos retos desta nova realidade”, manifesta Jones.
Así as cousas, os socialistas instarán ao Concello a redactar e aprobar un Plan de Modernización Tecnolóxica que contemple a renovación dos equipos informáticos municipais, a formación dos empregados do Concello, a dotación de equipamentos con conexión a internet en todos os edificios públicos e locais veciñais, así como a formación de toda a veciñanza para o uso axeitado das TIC; e insisten na necesidade de dotalo dunha partida específica e “ambiciosa” nos vindeiros orzamentos para “acadar unha administración do século XXI”.