O PSdeG-PSOE reclama a “colaboración inmediata” da Deputación de Ourense cos concellos afectados polo temporal de choiva e vento da pasada fin de semana, co fin de afrontar os importantes estragos espallados por toda a provincia e que moitas destas entidades locais son incapaces de asumir en solitario. Os e as socialistas rexistrarán unha iniciativa para demandar ao goberno provincial de Manuel Baltar “fondos públicos e accións concretas” ante “unha desfeita de calado” que “cómpre emendar” e que “nin debe nin pode ignorar”.
“A Deputación ourensá está no ollo da tormenta, pero pola súa absoluta inacción e incomprensible parálise tralos efectos do temporal que afectou á provincia” denuncian desde o Grupo Provincial Socialista, xa que, a día de hoxe e a pesar do seu deber legal de cooperación, aínda non ofreceu acción algunha aos concellos afectados polas inundacións ou os corrementos de terras.
“Esiximos á Deputación de Ourense que asuma a súa responsabilidade” e que “poña en marcha as medidas necesarias para axudar”, xa que “é hora de que Baltar e o seu goberno amosen fidedignamente solidariedade e compromiso cos municipios da súa provincia”.
“Defendemos que sexa a Deputación Provincial, como concello de concellos, quen dea un paso á fronte para ofrecer esta necesaria axuda ás entidades locais afectadas, moi mermadas de recursos económicos e técnicos para afrontar situacións tan complexas como esta desfeita”, insisten os deputados e deputads provinciais do PSOE tras denunciar, unha vez máis, como “Baltar aínda non moveu un dedo porque está acostumado a que lle pidan esmola no seu despacho e non a traballar de forma proactiva polo ben común, con decisións xustas e equitativas”.
A situación é especialmente preocupante naqueles municipios próximos aos grandes ríos, onde os danos son moito máis extensos e onde a capacidade dos concellos para afrontar estas situacións é “moi limitada”. “A meirande parte dos municipios non dispoñen dos recursos necesarios para levar a cabo labores de urxencia de reparación e limpeza”, salientan e, por iso, desde o Grupo Socialista están a pedir a intervención proactiva da Deputación co fin de que proporcione axuda económica e técnica con premura.
“A Deputación de Ourense mostrou ata o de agora unha actitude pasiva, a pesar de que urxen medidas concretas”, xa que “a veciñanza agarda unha resposta rápida e efectiva” para facer fronte a esta situación. “Non podemos permitir que os concellos afectados queden abandonados á súa sorte mentres a Deputación lava as mans”, denuncian.
Desde o PSdeG-PSOE recordan que as deputacións son entidades que teñen como misión principal, por obriga da lexislación vixente, apoiar aos concellos na prestación de servizos e no desenvolvemento das súas políticas públicas. Neste sentido, o deber de colaboración é fundamental para garantir unha boa xestión dos servizos e o benestar da poboación. Esta colaboración pode tomar diversas formas, como o apoio financeiro para a execución de proxectos ou a prestación conxunta de servizos, algo especialmente importante naqueles municipios con menos recursos, xa que lles permite contar cun apoio do que carecen.