Ourense Cidade

O Psoe reclama explicacións sobre o retraso das obras no estadio do Couto

O secretario provincial de deportes, Antonio González Fiuza, afirmou que a situación actual, que nun comezo semellaba “ilusionante”, tornou “nunha nova decepción para a terceira cidade de Galicia”.

Óscar Gómez

Ourense | 20.10.2023 08:14

O Psoe reclama explicacións sobre o retraso das obras no estadio do Couto
O Psoe reclama explicacións sobre o retraso das obras no estadio do Couto | onda cero

Os socialistas reclaman saber en que estado se atopan as obras do estadio de fútbol de O Couto logo de que pasaran máis de dous anos desde que se anunciase o proxecto de reforma e ampliación do mesmo, tal e como recollen as iniciativas presentadas onte no Parlamento polo PSdeG. “Situado no Concello de Ourense, contaría cun orzamento de 2,6 millóns de euros e un prazo de execución de 7 meses”, lembran no texto rexistrado ante a mesa para as respostas orais e por escrito.

“As obras referidas sufriron múltiples retrasos e dous anos despois a infraestrutura aínda se encontra no punto de acondicionamento do céspede sen que teñamos data prevista para a finalización das mesmas, perxudicando gravemente aos clubs e aos seus seguidores e seguidoras que fan uso das instalacións”, incidiu Carmen Rodríguez Dacosta, deputada no Hórreo.

Así as cousas, os e as socialistas esixen ao goberno da Xunta de Galicia que explique cal é o prazo previsto para poñer o campo a disposición dos equipos e das persoas afeccionadas, cal foi o motivo dos atrasos producidos, se os valados metálicos da grada de preferencia cumpren a normativa vixente e se se vai adecentar a entrada aos locais das federacións deportivas situadas baixo dita grada.

Segundo se expuxera ao principio, as actuacións constarían de tres vías: intervencións de reparación e rehabilitación estrutural, obras de renovación ou posta ao día de carácter funcional, cuxo obxectivo son os elementos superpostos ás estruturas, principalmente mobiliario (asentos) e instalacións; e as tarefas de ampliación demandadas, que se circunscriben ao edificio administrativo situado no fondo norte e que permitirán organizar de forma totalmente independente os usos puramente deportivos daqueles con carácter administrativo-social.

“Durante as últimas décadas a Xunta de Galicia optou por pequenos parches, que non serviron máis que para ter que volver a realizar investimentos en anos posteriores. O Couto precisa dunha reforma integral que permitan que o estadio se converta no referente que foi na cidade e non optar por chapuzas que o único que provocan e pan para hoxe e fame para mañá”, apuntou Dacosta.

Pola súa banda, o secretario provincial de deportes, Antonio González Fiuza, afirmou que a situación actual, que nun comezo semellaba “ilusionante”, tornou “nunha nova decepción para a terceira urbe de Galicia”. E engadiu que o estadio é unha referencia non só para a cidade, senón tamén para a provincia. “É incomprensible tendo en conta que noutros estadios, como Balaídos, poden ter o céspede novo nun prazo máximo dunha semana”, rematou.

Dende o grupo municipal socialista advirten de que se trata dun asunto polo que preguntan recurrentemente no Consello Municipal de Deportes e que volverán a poñelo sobre a mesa no que terá lugar hoxe. Critican, ademais, que o Goberno de Jácome se desentenda dunha obra de gran relevancia en lugar de impulsala e insistir para que se dea conta dos retrasos acumulados.