Ourense Cidade

O Psoe reclama a Jácome unha solución as obras do elevador en Ervedelo

Denuncian que se retirase a pasarela peonil de acceso de Ervedelo sen ter en conta a existencia dun transformador de media tensión, un caso similar ao da rúa Concordia, onde tamén se obviaron cuestións básicas.

Óscar Gómez

Ourense | 10.03.2023 07:52

O Psoe reclama a Jácome unha solución as obras do elevador en Ervedelo
O Psoe reclama a Jácome unha solución as obras do elevador en Ervedelo | onda cero

O PSdeG-PSOE de Ourense reclama unha solución provisional urxente para dotar de accesibilidade a rúa Avilés de Taramancos, actualmente bloqueada pola chapuza de Jácome coas obras do elevador. O grupo socialista censura que as obras permanezan “paralizadas sine die” pola total falta de planificación e previsión do alcalde e esixe medidas inmediatas por parte do goberno local para rescatar esta zona da situación de illamento que padece trala retirada da pasarela peonil que comunicaba a rúa Avilés de Taramancos con Ervedelo.

A voceira socialista, Natalia González, reprobou que “hai máis dun mes anunciáronse unhas obras que hoxe en día están paralizadas por non ter en conta a existencia dun transformador de media tensión”, unha situación que as e os socialistas comparan co acontecido coas obras da rúa Concordia, onde o proxecto orixinal tivo que ser modificado porque se ignoraron cuestións básicas como a instalación do colector de saneamento ou o acceso ás vivendas, incorrendo nun despilfarro de 700.000 euros, un 20 % po riba do inicialmente previsto para este equipamento.

“Estamos a falar dun proxecto de máis de medio millón de euros para dar a necesaria solución aos problemas de accesibilidade que afrontan os veciños e veciñas da rúa Avilés de Taramancos, pero a realidade é outra ben distinta”, subliñou a socialista en relación á neglixente xestión do alcalde con esta obra, cuxa parálise está a provocar un grave prexuízo para a veciñanza dunha zona historicamente illada, que agora ademais debe dar un gran rodeo para poder chegar aos seus destinos.

Así as cousas, dende o grupo socialista esixen coñecer os novos prazos de execución desta obra e reclaman que, mentres tanto, o goberno dea unha solución efectiva á veciñanza que se atopa atrapada polas chapuzas dun alcalde “que soña con encher Ourense de aparellos mecánicos para maior gloria súa”.