O PSdeG-PSOE reclama adoptar as medidas “que fagan falta”, co fin de dar “solucións urxentes” á veciñanza do núcleo rural de Rabo de Galo, na contorna da cidade de Ourense, trala chapuza de Gonzalo Pérez Jácome nas obras de reforma das rúas Carballo e Salto do Can. Os e as socialistas supervisaron hoxe as importantes deficiencias dun proxecto executado defectuosamente tras unha rebaixa brutal do orzamento inicial, que a propia veciñanza rexeita nunha recollida de sinaturas.
Por iso, o Grupo Municipal Socialista impulsa unha iniciativa no próximo pleno do Concello de Ourense, na que piden enviar aos técnicos municipais responsables do proxecto a visitar a zona da reforma das rúas Carballo e Salto do Can e a emitir un informe das deficiencias evidentes na execución. Tras isto, esixen adoptar as medidas necesarias para a solución das deficiencias antes do remate definitivo e da recepción formal.
Tamén reclaman ao microgoberno de Jácome informar ás veciñas e aos veciños de Rabo de Galo dos motivos da importante modificación realizada do proxecto inicial; das responsabilidades derivadas das deficiencias existentes nas obras e, tamén, de quen se vai facer responsable dos danos e prexuízos ocasionados á veciñanza da zona no decurso das actuacións.
A voceira, Natalia González, recordou, desde a zona cero da chapuza, que esta é unhas das actuacións “incluídas no plan de obras do anterior mandato, aprobado polo PSOE e polo Partido Popular co voto en contra do actual rexedor, Gonzalo Pérez Jácome”, antes de salientar que “foi licitada inicialmente por 900.000 euros, pero finalmente foi adxudicada por Jácome á baixa por pouco máis de 600.000”.
González denunciou “numerosas demoras e reformas” no proxecto construtivo, así como atrasos na execución, xa que tiña que estar rematada en agosto do pasado ano. “Ante todos estes despropósitos, os únicos prexudicados foron os veciños e veciñas destas rúas que, ademais, estiveron illados durante todo ese tempo”, proclamou tras comprobar in situ as “incontables” deficiencias que acumula a execución final, así como a escasa calidade do proxecto materializado. “As medidas de humanización tamén brillan pola súa ausencia”, insisten os e as socialistas.
“Desde o PSdeG-PSOE queremos poñernos do lado da veciñanza e respaldar as súas queixas”, anunciou e por iso queren que o pleno do Concello de Ourense adopte medidas para solucionar os problemas xa que non obtiveron resposta algunha do microgoberno de Jácome. Desde o grupo municipal recordan que, nas últimas semanas, foron recollidas arredor de 150 sinaturas entre os residentes neste núcleo, co fin de demandar as medidas que agora o Grupo Municipal Socialista traslada ante o máximo órgano colexiado da capital ourensá.
“Queremos se dea solución a esta problemática da veciñanza de Rabo de Galo e que esta non sea outra obra pagada con cartos públicos pero tirada ao lixo”, advertiu González antes de matizar que non queren “outra oportunidade perdida” como foron outras obras, entre elas, a reforma de Marcelo Macías ou o non soterramento da avenida de Otero Pedrayo. “Non podemos permitir nin unha chapuza máis”, concluíu.