O grupo municipal socialista presentará unha moción na sesión plenaria ordinaria de decembro para que o Concello de Ourense retome a colaboración co festival de cine que converte á cidade na capital do audiovisual galego cada ano. “A importancia do sétimo arte como forma de entretemento é indiscutible, a pantalla grande cumpre un labor social. Mais tamén ten a capacidade de crear unha identidade cultural”, sostén a edil Alba Iglesias.
Neste senso, o texto rexistrado lembra que recentemente tivo lugar na nosa cidade o OUFF e que entre outros espazos fai uso do Auditorio Municipal que, lamentablemente, conta cun equipo de proxección completamente desfasado. Tampouco dispón dun DCP (Digital Cinema Package), que é o sistema de proxección dixital normalizado dende hai anos. Isto provoca que, para suplir esa carencia, en cada edición se precise do aluguer do material adecuado. “Desde o GMS pedimos por solución a esta situación e empregar este espazo como un vértice cultural máis en Ourense”, engade a socialista.
Aparte de mellorar as condicións, tamén se inclúe a posibilidade de estabecer unha programación de carácter estable e accesible para toda a cidadanía entre os acordos a aprobar co apoio do resto de grupos da oposición.
“A política reducionista e sectaria do alcalde, na que as festas constitúen a única parte importante neste eido non pode extenderse máis no tempo. Ten un cariz segregacionista, que pretende establecer diferenzas de clase entre a xente da cultura e o público asistente aos eventos programados na cidade”, rematan denunciando os e as socialistas na iniciativa.