O PSdeG-PSOE de Ourense levará unha moción ao vindeiro pleno municipal para reclamar que o Concello poña en valor a Aula da Natureza do Río Miño en Oira como espazo referente no ámbito da educación ambiental na cidade. Os socialistas esixen o compromiso claro do goberno local para levar a cabo a execución dun proxecto de mellora desta dotación a través de tres eixos: a rehabilitación interior e exterior do espazo, o reforzo do persoal necesario para o seu óptimo funcionamento e unha maior programación de actividades.
“Transcorridos 17 anos dende a súa inauguración, esta infraestrutura presenta un considerable deterioro, tanto no interior como no exterior”, abundou o concelleiro Borja López. “Ademais, era un só funcionario ata o recente traslado dun dos traballadores do viveiro municipal, o que se encargaba da preparación, coordinación, presentación e execución das actividades, así como da apertura do recinto municipal”, continuou.
Por este motivo, os socialistas consideran “perentorio” que se reforce o persoal e que se dote o espazo dunha programación “ambiciosa”, posto que a Aula da Natureza non só exerce “un labor fundamental de formación en valores de respecto ao medio ambiente entre os máis pequenos, senón que tamén é un piar clave para o fomento da conciliación laboral e familiar en períodos non lectivos”.
Neste sentido, dende o grupo municipal socialista indican que a xestión da programación da Aula da Natureza de Oira compételle á Concellaría de Educación, posto que a súa actividade xira en torno a cursos, talleres ou actividades infantís.
“Reclamamos a implicación do goberno municipal para aumentar a asignación económica deste equipamento e volver facer desta aula un centro de interpretación de referencia para o coñecemento do ecosistema do Miño, o nacemento das augas termais da cidade ou a fauna e flora autóctonas”, salienta o edil López.
Pola súa banda, o voceiro socialista no Concello, Rafa Villarino, lamentou que “un proxecto ilusionante que deu cabida a multitude de actividades” se atope nunha situación de “declive e deterioro que non pode soportarse máis tempo”. Neste sentido, o socialista tachou de “inaceptable” que “unha infuraestrutra tan necesaria teña que funcionar con tan só 10.000 euros ao ano” e insistiu na necesidade de que a aula da natureza “volva florecer”.
Unha aula para coñecer o rico ecosistema do Miño
Os socialistas lembran no texto da moción que foi o 4 de outubro de 2004 cando se inaugurou a Aula de Natureza do río Miño en Oira, un novo equipamento con forma de barco varado con 730,62 metros cadrados útiles e dividido en dúas plantas, que formaba parte do proxecto municipal do ano 1996 para a recuperación das marxes do Miño ó seu paso por Ourense.
“Este espazo púxose en marcha co obxectivo de amosar de xeito sinxelo aos nenos e nenas os valores sociais, naturais e culturais vencellados ao ecosistema do río Miño, aínda que co tempo acabaría convertido nun centro interxeracional”, resaltan.