Ourense Cidade

O Psoe reclama a Xunta investimentos industriais na provincia

Os socialistas preguntan “que está a facer a Xunta para sacar a Ourense deste apartheid industrial” e impulsan unha iniciativa para “acabar coa marxinación á que nos teñen sometidos”.

Óscar Gómez

Ourense | 24.11.2022 08:06

O Psoe reclama a Xunta investimentos industriais na provincia
O Psoe reclama a Xunta investimentos industriais na provincia | onda cero

O PSdeG-PSOE reclama á Xunta de Galicia investimentos industriais na provincia de Ourense, iguais aos que se están a proxectar na Coruña, Pontevedra e Lugo, logo de “décadas de fume electoral” e “abandono intencionado do PP”. Os e as socialistas queren “acabar coa marxinación á que teñen sometida a nosa provincia os conservadores”, dentro dos plans cofinanciados con fondos públicos para a reindustrialización e por iso preguntan “que está a facer a Xunta para sacar a Ourense deste apartheid industrial”.

“O PP está sumido nunha espiral do escapismo coa nosa provincia”, denuncian e, por iso, nunha iniciativa que se debaterá este venres na Deputación, reclaman á Xunta “exercer as súas competencias exclusivas en materia de promoción económica e industrial, mediante a elaboración das políticas e proxectos de apoio, impulso e execución de investimentos industriais, tanto de carácter público como mediante acordos público-privados, co fin de impulsar unha a mellora da economía local e para loitar contra o reto demográfico”.

Tamén demandan “non marxinar a Ourense na promoción, impulso ou apoio a novos investimentos prioritarios de carácter industrial, promovendo, motu proprio, proxectos de interese autonómico ou intercedendo para que proxectos deste sector, cofinanciados mediante acordos económicos públicos-privados, sexan localizados na provincia”.

Igualmente piden ao Goberno central “exercer as súas competencias en materia de cooperación e coordinación coas comunidades, especialmente coa de Galicia, en materia de industria, así como as destinadas a favorecer e impulsar a actividade empresarial” co fin de “lograr novos investimentos para a provincia”.

O vicevoceiro, Nacho Gómez, sinala que é necesario “esixir á Xunta que, dunha vez por todas, aposte por esta provincia” con “grandes proxectos que fan moitísima falta, ao igual que están a facer nas outras” para “dar futuro ás xentes que vivimos nela”, tras “moitas décadas nas que o Partido Popular só se adicou a vender fume electoral antes das eleccións dos concellos”.

“Nesta comarca do Ribeiro coñecemos ben esta forma de actuar, tras ver como se entregaban currículos directamente nos concellos para traballar en fábricas nunca executadas”, salientou Gómez antes de recordar aos principais culpables da situación: “é hora de que a familia Baltar deixe de enganar á veciñanza para acadar mellores resultados para eles, porque os resultados para todos cidadáns son que somos menos, máis empobrecidos e que as persoas con vontade de cambio acaban marchando pola falta de oportunidades”.

Así mesmo desde o Grupo Provincial salientan como, ao longo dos últimos lustros, a Deputación ou membros dos gobernos da familia Baltar impulsaron ou respaldaron falsos investimentos industriais “que quedaron en simple fume electoral ou axencias de colocación para uns poucos enchufados”, como unha gran fábrica de coches eléctricos que daría traballo a un milleiro de persoas; unha factoría de vidro; unha empresa comercializadora de pataca ou un gran polígono do motor e a automoción.

Desde o PSOE denuncian que “o PP está a excluír deliberadamente a Ourense, a pesar do obrigado fomento da activade industrial e económica que ostenta a Xunta segundo o Estatuto de Autonomía”, xa que “ningunha das iniciativas industriais actuais impulsadas polo goberno galego ou coa súa participación está na nosa provincia e tampouco frutificaron aquí ningún dos grandes proxectos do pasado”.

A meirande parte destes grandes investimentos multimillonarios están a frutificar agora grazas á dispoñibilidade de fondos europeos logrados polo Goberno central, para os plans de recuperación tralo golpe económico provocado pola Covid-19 ou para impulsar a transición ecolóxica. Estes plans están a permitir que Galicia acumule máis grandes proxectos empresariais que nunca, tanto de iniciativa pública como privada ou mixta, pero “Ourense, incomprensiblemente quedou totalmente á marxe”, conclúen os e as socialistas.