Economía

O Psoe reclama a Xunta que "cese as clausulas bancarias" por abusivas

Juan Carlos Francisco sinala que Abanca acaba de duplicar as comisións de forma unilateral e sen negociación ás contas á vista

Óscar Gómez

Ourense |

Juan Carlos Francisco, parlamentario do Psoe na Xunta de Galicia | onda cero

O portavoz de Economía do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, reclamoulle hoxe á Xunta que remate coa “impunidade” das entidades financeiras ao incrementar unilateralmente as comisións aos seus clientes. Francisco presentou unha pregunta oral en Comisión na que insta á Xunta e ao Instituto Galego de Consumo a “actuar de oficio plantexando a cesación deste tipo de cláusulas contractuais”.

O responsable socialista criticou a negativa da Xunta a intervir fronte á recente decisión de Abanca de duplicarlle as comisións de mantemento a un elevado número de contas bancarias á vista coas que conta de forma unilateral e “impostas sen capacidade de negociación de ningún tipo”. Explicou que estas medidas resultan abusivas per se, xa que non proceden de ningún tipo de pacto entre o cliente e a entidade financeira, que “abusa da súa posición dominante”.

Explicou que hoxe en día a entidade ten 1,5 millóns de contas á vista, e esta decisión ten provocado en torno a 120.000 reclamacións de usuarios fronte a esta actuación “impune” por parte das entidades bancarias.

Lembrou que a Xunta de Galicia “conta con competencias suficientes cando menos para cuestionar este modo de proceder das entidades financeiras”, en base á Lei de Protección das Persoas Consumidoras e Usuarias de 2012, así como polas competencias propias do Instituto Galego de Consumo.

Francisco explicou que malia que o PP negouse no seu momento a incluír na Lei aos servizos bancarios como servizos fundamentais susceptibles de protección básica, si que recolleu a defensa dos colectivos especialmente vulnerables, e estes tamén están afectados pola suba abusiva das comisións de mantemento. Sinalou que “estas persoas tamén requiren das entidades bancarias para poder xestionar as súas prestacións ou axudas”.

Sinalou tamén á situación dos máis de 50.000 galegos e galegas que residen en concellos en situación de exclusión financeira, o que quere dicir que non teñen unha entidade bancaria no seu lugar de residencia, co que “están a sufrir con maior énfase este tipo de situacións” e de actuacións “con impunidade” das entidades bancarias.