O Psoe reclamará a deputación que axude os pequenos concellos contra a Covid-19
“Ante o abandono da Xunta é preciso actuar e a Deputación, que se publicita como ‘concello dos concellos’, debe tomar cartas no asunto e auxiliar aos municipios afogados”, denuncian os socialistas
O PSdeG-PSOE reclamará que a Deputación de Ourense apoie economicamente aos pequenos concellos, a fin de cumprir os protocolos incorporados nos centros educativos a causa da Covid-19. Nunha iniciativa que se debaterá no pleno deste venres, demandan“apoio económico urxente” ante “o incremento dos gastos de persoal, material e desinfección”, para poder cumprir coas medidas de seguridade e hixiene. Reiteran así unha petición xa incluída nas medidas propostas polos socialistas en marzo e, posteriormente, nunha moción en maio, adiantándose a “unha necesidade evidente” que, segundo denuncian, “están a sufrir os concellos encargados destas tarefas, agora abandonados pola Xunta”.
A moción tamén insta á Consellería de Cultura, Educación e Universidade a reunirse cos representantes de profesorado e familias, para acadar un documento consensuado que permita afrontar o desenvolvemento do curso coas máximas garantías; a dotar aos centros do persoal, profesorado e infraestruturas suficientes; a reunirse coa Fegamp; ou a garantir o funcionamento de comedores e transportes escolares en boas condicións.
No ámbito económico, a iniciativa reclama que a Xunta habilite fondos extraordinarios e tramite modificacións orzamentarias, para sufragar os incrementos dos custes derivados que deben asumir centros educativos, familias e concellos. Así mesmo esixen que os fondos extraordinarios transferidos polo Goberno de España se negocien de maneira transparente con todos os sectores afectados.
“Sempre estaremos dispostos a apoiar as accións que a Xunta adopte froito do diálogo e do acordo” mais “lamentablemente non nos atopamos nese escenario”, xa que “o protocolo da Consellería concitou o rexeitamento de docentes, familias e concellos”, aseguran desde o PSdeG-PSOE. Ante isto denuncian que o goberno de Núñez Feijóo “centrifuga as súas responsabilidades cara centros, ANPA e concellos sen dotalos dun marco seguro e cos recursos humanos e materiais adecuados, tamén para os servizos complementarios”.
Os socialistas recordan que centos de concellos xa trasladaron a “complexidade de asumir as medidas previstas ao aumentar de maneira moi importante as cargas e custos da limpeza e das desinfeccións”. “Mesmo existen dúbidas nalgunhas intervencións sobre a autorización destes gastos”, advirten antes de destacar a “imposibilidade de moitos municipios para asumir este importante incremento”. “Ante o abandono da Xunta e co curso xa comezado, é preciso actuar de inmediato e a Deputación Provincial, que habitualmente se publicita como ‘concello dos concellos’, debe tomar cartas no asunto e auxiliar aos municipios afogados por unha responsabilidade imposta á forza”, insisten.
Protocolo acordado
Desde o grupo provincial salientan que “o desenvolvemento do curso escolar 2020-2021 é imprevisible, dado o descoñecemento que aínda temos acerca da posible evolución da pandemia”, polo que “resulta imprescindible prever diferentes escenarios aos que adaptarse dependendo das circunstancias”. Esta situación “debe plasmarse nun protocolo para os centros docentes que regule o desenvolvemento da súa actividade, tanto lectiva como dos servizos complementarios”, salientan.
Os socialistas recordan que os representantes do profesorado xa solicitaron retirar o actual protocolo e negociar un novo documento que responda ás demandas do conxunto da comunidade educativa. “É necesario que a Xunta recúe e a Deputación de Ourense ten a obriga de pórse ao lado das familias, dos alumnos e alumnas e do profesorado”, insisten. O novo texto que se reclama nesta iniciativa debería garantir un ensino presencial seguro, adoptando medidas para ante unha posible interrupción da docencia presencial, e evitando descargar toda a responsabilidade nos equipos directivos e no conxunto do profesorado.