Ourense Cidade

O Psoe reclamará a Xunta a adhesión ao programa Xantar na casa

Carmen Dacosta urxe inmediatez para poñer en marcha o servizo logo de que o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, eliminase o Comedor sobre Rodas que se encargaba, diariamente, de levar menús individualizados a persoas maiores, dependentes, con problemas de saúde ou en risco de exclusión.

Óscar Gómez

Ourense |

O Psoe reclamará a Xunta a adhesión ao programa Xantar na casa
O Psoe reclamará a Xunta a adhesión ao programa Xantar na casa | xunta de galicia

A parlamentaria do grupo socialista Carmen Rodríguez Dacosta reclamará ao goberno de Alfonso Rueda “que tramite coa máxima celeridade posible” o convenio de adhesión do Concello de Ourense ao programa de Xantar na Casa posto que preto de 60 persoas quedaron sen un servizo similar que se viña desenvolvendo na cidade dende hai máis de 15 anos.

A deputada sinalou que “a mala xestión e o desmantelamento do benestar social por parte do executivo de Gonzalo Pérez Jácome” provocou que o mes de marzo desaparecera un programa que puxeron en marcha os socialistas no ano 2007 e que, cando comezou a funcionar, roldaba case os 400 usuarios. Esta cifra de beneficiarios viuse reducida paulatinamente cos últimos gobernos locais do PP e Democracia Orensana ata desaparecer por completo o mes pasado, afirmando o alcalde que pedirían á Xunta de Galicia que se fixera cargo do mesmo.

“Reclamamos que o trámite se realice coa máxima axilidade porque as persoas quedaron abruptamente sen a atención que se lles prestaba e que lles permitía seguir vivindo nas súas casas de xeito autónomo”, explicou sobre os usuarios e usuarias que son maiores de 65 anos, dependentes, con menús adaptados ás súas necesidades individuais e a prezos accesibles para aquelas con ingresos máis baixos.

As e os socialistas advirten de que as e os prexudicados non poden quedar desatendidos pola inacción das administracións públicas e que se trata dun servizo fundamental, toda vez que non só asegura unha alimentación saudable, senón que serve para controlar que as condicións nas que viven as e os beneficiarios son óptimas, se se atopan ben ou se presentan, por exemplo, sinais de deterioro cognitivo.

Así as cousas, Carmen Rodríguez Dacosta anunciou que presentará unha batería de iniciativas parlamentarias para que a Xunta de Galicia actúe coa maior celeridade, logo de que o grupo municipal socialista do Concello de Ourense presentase onte, no pleno ordinario deste mes de abril, unha moción que foi aprobada co respaldo do BNG e o PP para rescatar o programa fulminado polo alcalde. Con todo, ao non ter carácter vinculante, o rexedor xa anunciou que nada faría por atender ás 58 persoas que xa non reciben os menús nos seus domicilios.