A deputada no Parlamento Carmen Rodríguez Dacosta e a secretaria xeral do PSdeG de Ourense, Natalia González Benéitez, presentaron as enmendas aos presupostos da Xunta de Galicia para o ano 2024 e cualificáronnos como un “déjà vu” de orzamentos anteriores. “Son continuistas e totalmente carentes de ambición, cando nesta cidade necesitabamos unha discriminación positiva para sacala da parálise na que está sumida, como todas as do interior”, sinalou a primeira.
Neste senso, afondaron na ausencia de proxectos estratéxicos –para a que é a terceira urbe da Comunidade Autónoma– que xeren emprego de calidade e exerzan de polo de atracción para a xente nova que queira establecerse en Ourense. “Tamén renuncian a propostas feitas, case sempre en época electoral, polo propio PP como é o caso do Ecobarrio da Ponte ou o hotel balneario para potenciar o termalismo”, engadiu Dacosta.
Sobre o Ecobarrio afirmaron que se solicita unha cuantía de 2 millóns de euros. “Queremos que se retome este proxecto, como levamos pedindo os últimos meses, e que deixen de pasarse a pelota entre o Concello de Ourense e a Xunta de Galicia para ver quen ten a culpa”, indicou Benéitez.
Co obxectivo de potenciar o termalismo na cidade e de que se elabore un plan específico para ela, os e as socialistas esixen outros dous millóns de euros. “Só Budapest supera o noso caudal e calidade destas augas minerais e non podemos permitirnos mirar cara outro lado”, argumentou, pola súa banda, a deputada no Hórreo.
No eido sanitario se reclama a construción dun centro de saúde no barrio do Vinteún e outro en Mariñamansa. “Nos orzamentos de 2022 aparecía unha partida para este último pero pola cantidade destinada semellaba evidente que non sairía adiante”, lembrou a deputada en rolda de prensa. “Nos presupostos para o ano que vén xa nin se contempla”, lamentou.
“Esperamos que o PP acepte as nosas propostas polo ben dos cidadáns e cidadás”, rematou a edil no Concello de Ourense que engadiu que tamén se presentan enmendas para infraestruturas, transporte metropolitano ou educación.