O PSdeG-PSOE de Ourense reclama a ubicación na cidade da segunda facultade de medicina de Galicia, co fin de mellorar a atención e a cobertura de prazas do sistema sanitario público, formando máis profesionais. Sería tamén unha decisión que, xunto a outras, axudaría a resolver problemas demográficos e económicos da provincia. Por iso, os e as socialistas comezan unha campaña para defender unha proposta “necesaria para toda Galicia” que “é de xustiza co interior da comunidade”.
establecer este necesario centro na contorna do CHUO
A iniciativa debaterase no Concello de Ourense e reclama “instar á Xunta á creación en Ourense, na contorna do Hospital Universitario do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), da segunda facultade de Medicina, co fin de incrementar o número de profesionais formados na nosa comunidade para facer posible, xunto co aumento de prazas MIR, dunha mellor planificación e cobertura das necesidades de persoal” actuais e futuras.
Tamén pide instar ás institucións do Sistema Universitario de Galicia a “evitar disputas innecesarias sobre a creación dunha segunda facultade”, optando por “establecer este necesario centro na contorna do CHUO”. Así mesmo reclama ao Concello de Ourense “defender e participar, mediante a colaboración económica ou patrimonial que sexa necesaria, a creación da segunda facultade de Medicina”, xa que parte deses terreos son patrimonio desta institución.
A iniciativa detalla que “desde hai lustros asistimos a unha sucesión de queixas da comunidade sanitaria e dos usuarios e usuarias, sobre a grave falta de persoal”, unha situación “agravada nos últimos anos”. “A administración vese obrigada a usar procedementos extraordinarios de contratación para poder dotar de persoal a servizos e especialidades”, insisten antes de recordar que Galicia é a terceira peor comunidade en ratio de médicos e médicas.
Galicia tamén é a comunidade con peor ratio de facultades de Medicina por millón de habitantes. A pesar de ser a quinta rexión máis poboada, con 2,7 millóns de habitantes, só ten un centro que imparte estes estudos. Outras comunidades menos poboadas como Castela e León (2,2 millóns), Canarias (2,2 millóns), Castela-La Mancha (2 millóns), Murcia (1,5 millóns) ou Aragón (1,3 millóns) contan con, a lo menos, dúas facultades cada unha. Incluso Navarra, con só 600.000 habitantes, ten ata tres facultades.
O voceiro do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, destaca que atopámonos “cun problema moi serio, xa que cando remate este ano, arredor do 20% dos médicos dos centros de sáude vanse xubilar”. Ante esta situación, o líder dos socialistas ourensáns sinala que a Xunta de Galicia “coñecía esta situación e debeuna abordar antes, pero faltou previsión e acción”. Por este motivo destaca a “necesidade” de contar cunha nova facultade de ciencias da saúde que de “resposta” ás necesidades de facultativos que temos na nosa comunidade.
Villarino tamén destaca que o lugar idóneo para esta facultade “é Ourense”, xa que tal e como apunta “traemos para a provincia unha infraestrutura necesaria, a un lugar que precisa descentralización, pero descentralización real”. O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense tamén fai fincapé en que “só precisamos de vontade política e de políticos que se interesen por Ourense”. Neste senso apunta a que “confiamos contar co respaldo do resto de forzas políticas do Concello e deste xeito traer para Ourense algo que Galicia necesita, que son máis médicos e unha facultade de ciencias da saúde que os proporcione”.
Desde o PSdeG-PSOE defenden que o adecuado sería sumar 75 prazas á actual oferta nunha nova facultade situada xunto ao Hospital Universitario da terceira cidade de Galicia, onde hai terreos aptos para estes usos. Ademais no complexo ourensá xa se imparte formación do grao de Enfermería, de sexto de Medicina e a dos médicos e médicas internos residentes. Tamén se están a desenvolver proxectos de investigación sanitaria.