O PSdeG-PSOE de Ourense vén de rexeitar os orzamentos da Deputación de Ourense para 2023 e o expediente de modificación de créditos mediante suplementos de crédito e da modificación das bases de execución do orzamento vixente do ente provincial nº 6/2022. Os e as socialistas argumentan o seu voto en contra, alegando que nos atopamos cun novo reparto “a dedo, discrecional, caciquil, clientelar e nos que a transparencia brilla pola súa ausencia”. Tamén consideran que nos atopamos cun reparto “político” no que se crea “desigualdades” entre municipios, co único obxectivo de beneficiar aos concellos dunha cor política, a do Partido Popular.
Dende o Grupo Provincial Socialista destacan que nos estamos nunha provincia “cos peores índices de desenvolvemento do país” e sinalan que “estamos mantendo un sistema que non funciona, guiando o barco contra as rochas, en lugar de dar un golpe de temón para variar a ruta”. Os e as socialistas argumentan que nos atopamos cunha nova concesión “indiscriminada e masiva de subvencións, fondos e proxectos”, co único fin de atender a intereses personalistas do PP e do seu líder, “nunha nova feira do caciquismo, baseado na vulneración da lei e da Constitución”. Consideran que “é urxente” que se acorde unha normativa para determinar criterios “obxectivos, xustos e equitativos” na distribución dos fondos públicos da Deputación de Ourense aos municipios da provincia.
O voceiro do PSdeG-PSOE na Deputación de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, preguntou sobre “cal é o criterio que segue a Deputación para realizar este reparto de fondos públicos” e subliñou que “con José Luís Baltar seguíanse criterios de poboación, cousa que con Manuel Baltar desapareceu”. O líder dos socialistas ourensáns tamén quixo por o foco na “desigualdade” creada por este reparto de fondos, da que afirmou “está tinguida de razóns políticas e así o demostran os números, nos que os concellos gobernados polo PP suman un 85% das subvencións nominativas polo 8% que suman os do PSOE, cando a poboación dos municipios é idéntica practicamente”.
Villarino tamén sinalou que o camiño que lle queda a Deputación “é cambiar de goberno, porque este goberno actual do PP é refractario da democracia” e lembroulle a Manuel Baltar que o ente provincial “recibe o 75% dos fondos do Estado, con criterios obxectivos e vostede repárteos dependendo da súa vontade e como vostede quere, sen atender as peticións dos alcaldes”. Neste senso, sinalou que “isto é desigualdade, politización e a xustificación que temos é que din que se atenden as demandas, cousa que non é certo”.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense tamén aproveitou para lembrar que o obxectivo dos orzamentos “é que determinados concellos poidan ter máis rédito electoral con estas subvencións, e aí están os exemplos de Castrelo de Miño ou Riós”. Villarino destacou na súa intervención final que Ourense “ten un problema de territorio, non de natalidade, porque aquí a xente non se queda, a mocidade marcha porque non ten as posibilidades das que vostedes si gozan coa súa política clientelar”. Por último, sinalou que “esta Deputación e moi feble e agardemos que nas próximas eleccións haxa un cambio de rumbo e rematemos con estas políticas denigrantes, desiguais, clientelares e que fomentan o empobrecemento”.
Modificación orzamentaria
No relativo a modificación orzamentaria, que o goberno provincial levaba ao pleno da Deputación Provincial, os e as socialistas votaron en contra argumentando que “estamos ante unha perversión, na que se lle rouba aos cidadáns que non pertencen ao PP e queda de manifesto neste documento, no que instrumentalizan unha institución para facer electoralismo”. Cabe destacar que o 92% da modificación orzamentaria destínanse a concellos gobernados polo PP e só un 7% para o PSdeG-PSOE e neste senso sinalaron que “as contas, non son contos”.
O vicevoceiro do PSdeG-PSOE na Deputación de Ourense, Nacho Gómez Pérez, subliñou que “estamos ante a única administración de España que non ten un borrador de orzamentos para que a súa corporación poida ter claro cales son as liñas que vai a seguir a institución”. Neste senso, o deputado provincial polo Ribeiro afeoulle a Baltar que diga que as aportacións da oposición son un folio en branco, explicándolle que “é imposible que aportemos algo, cando non coñecemos as contas con antelación” e recriminoulle ao presidente da Deputación que “vivimos nunha Deputación irreal, na que as ensoñacións do señor presidente non nos levan a ningún lado”.
Gómez Pérez tamén aproveitou para destapar que Manuel Baltar “minte cando di que todos os proxectos que se presentan na Deputación contémplanse na modificación” e argumentou que en 2022 foron varios os concellos que presentaron proxectos por rexistro “e non foron atendidos” e puxo como exemplo Trives, Ribadavia, Melón, O Barco, O Carballiño ou Ramirás, que “presentaron os seus proxectos, pero o presidente non os atendeu, incumprindo a súa palabra”. O deputado provincial do PSdeG-PSOE de Ourense finalizou afirmando que “esta modificación de crédito clama o ceo, xa que perverte a democracia na provincia” e fixo fincapé en que “hai concellos que non presentan un só proxecto e son atendidos e levan cartos na modificación e outros que piden para un proxecto e levan para outro fin totalmente distinto e logo están os que presentan proxectos e nin os atenden”.