Ourense Provincia

O Psoe salienta os 'importantes' investimentos executados polo goberno central

Os socialistas salientan que estamos ante inversións “como nunca antes se viron en Ourense” e que permitirán que a rede de estradas e autoestradas de titularidade estatal “conten cuns firmes dignos e a altura do que precisan os ourensáns e as ourensás”.

Óscar Gómez

Ourense |

O Psoe salienta os 'importantes' investimentos executados polo goberno central
O Psoe salienta os 'importantes' investimentos executados polo goberno central | onda cero

O PSdeG-PSOE de Ourense destaca os “importantes” e “vitais” investimentos executados polo Goberno encabezado por Pedro Sánchez en materia de infraestruturas viarias na provincia de Ourense. As e os socialistas salientan que estamos ante inversións “como nunca antes se viron en Ourense” e que permitirán que a rede de estradas e autoestradas de titularidade estatal “conten cuns firmes dignos e a altura do que precisan os ourensáns e as ourensás”.

Investimentos do Goberno na rede viaria da provincia de Ourense

Variante Norte de Ourense: o primeiro dos tramos que transcorre entre Eirasvedras e Quintela de 1,7 quilómetros e cun orzamento de 33,51 millóns de euros xa está en execución. Realizáronse desbroces e o derrubamento das vivendas e infraestruturas expropiadas. As obras están agardando ao traslado das liñas de servizo (Fenosa, Nedgia e Telefónica) para seguir avanzando.

Circunvalación do Barco: Conexión clave entre as estradas N-120 e N-536 e que permitirá retirar o tráfico pesado do centro da vila, axilizando a mobilidade, reducindo as emisións de CO2 e dando unha maior seguridade viaria aos cidadáns e ás cidadás. Conta cun investimento de 62,8 millóns de euros que se atopa en execución.

Mellora e humanización da N-525 en Xinzo: O Goberno ven de anunciar a aprobación definitiva do proxecto cun investimento de 4,79 millóns de euros e no que ademais da renovación do firme e da travesía, tamén se realizarán actuacións para a construción de rutas peonís, ciclistas e zonas axardinadas, o que permitirá humanizar e transformar por completo a principal estrada de Xinzo.

Ampliación de carrís de adiantamento na N-120: O Goberno aprobou o proxecto definitivo do trazado de ampliación de carrís na N-120 entre Ourense e Peares. Cun investimento de 5,8 millóns de euros construiranse 4,22 quilómetros de carrís adicionais de adiantamento e varias interseccións, que permitirán reducir os tempos de viaxe e mellorar a seguridade viaria.

Melloras do firme na A-52: O Goberno leva varias semanas traballando na mellora, renovación e reparación do firme da A-52. Obras moi necesarias, polo evidente estado de deterioro da capa de rodadura e que conta cun investimento de 6,3 millóns e comprende a actuación en 60 quilómetros. Proximamente licitaranse melloras no resto de tramos, dando como resultado unha autovía totalmente renovada dende a fronteira con Zamora ata a fronteira con Pontevedra.

Investimento en conservación e mantemento de estradas: O Goberno destinou dous contratos para o mantemento de estradas por importes de 13 e 12 millóns de euros neste 2024. En total permitirán mellorar a conservación de 214 quilómetros das N.120, N120A, N-525, N-536, N-540, N-541, N-542 e N-544. Proximamente licitaranse outros 13 millóns para traballos en 190 quilómetros, incluíndo melloras na A-52, na A-75 e tamén nas estradas N-525 e N-532.

Investimentos en mobilidade sostible: O Goberno concedeu ao concello de Ourense 8,9 millóns de euros para a implantación da zona de baixas emisións e destacan investimentos como 2 millóns para a compra de autobuses eléctricos, 2,2 millóns para a humanización de Alejandro Pedrosa e da Avenida de Portugal e outros 2 millóns para a ampliación de zonas peonís no centro histórico.

Reparación dos viadutos de Arnoia e A Valenzá na A-52: O Goberno finalizou este ano a reparación destes dous viadutos de vital importancia na A-52 e que contaron cun investimento de 6,34 millóns de euros. Proximamente actuarase tamén do viaduto de Vilavella.

Os Orzamentos Xerais do Estado inclúen para este ano (prórroga 2023) 224,5 millóns de euros en investimentos para estradas do Estado en Galicia. Hai en marcha ou en proxecto máis dun centenar de actuacións de infraestruturas viarias, incluídas novas obras, intervencións de conservación e mantemento, ou melloras.