O PSdeG-PSOE insta ao Concello de Ourense a iniciar as conversas coa Consellería de Cultura para a utilización das instalacións da Biblioteca Nós como sala de estudio e lectura, fóra do horario de apertura habitual da mesma, asinando un convenio para tal fin.
Os socialistas sinalan que aínda que a Biblioteca Nós é de xestión autonómica, desde o Concello de Ourense pódese chegar a un acordo coa Consellería de Cultura para a dotación dunha sala de estudio no edificio (seguindo o modelo xa aplicado noutras bibliotecas públicas, como a de Gaiás, en Santiago de Compostela, e Juan Compañel, en Vigo), con absolutas garantías de mantemento das esixencias actuais de seguridade e hixiene.
Concretamente, en condicións normais, a Biblioteca Nós dispón dun total de 476 postos de lectura en mesas, distribuídos por todo o edificio e, nas condicións actuais, gardando unha distancia persoal de 2 metros, serían arredor de 250 postos distribuídos en distintas plantas, os que poderían abrirse en función da demanda. Desde o Grupo Municipal Socialista explican que xa presentaran, a finais do pasado ano, unha moción solicitando a “procura de alternativas” para que Ourense deixara de ser a “única cidade galega sen unha biblioteca pública ou sala de estudio abertas os sete días da semana”.
Unha iniciativa que non se levou a cabo e que ten máis cabida aínda neste momento, debido á situación actual, derivada da necesidade de asunción de medidas de prevención, como consecuencia da epidemia do coronavirus, e que obriga á procura de amplos espazos que garantan o necesario distanciamento social, algo fundamental para á cidade de Ourense, tendo en conta o gran volume de estudantes e opositores.
O Goberno de España, na súa decidida aposta pola Cultura desta cidade, contribuíu a darlle un pulo definitivo ao complexo de San Francisco, coa inauguración, a finais do pasado mes de decembro, da nova Biblioteca Pública, que se sumará, en breve, á do Arquivo Histórico de Ourense, na nova sede renovada do antigo convento de San Francisco.
Ambas dotacións, sumadas ao Auditorio Municipal e a Escola Municipal das Artes Escénicas e Música de Ourense, permitirán conformar un “espazo cultural de referencia” na cidade, que precisa da “necesaria atención e dotación complementaria de servizos” por parte do Concello de Ourense, en varios aspectos que desde o Grupo Municipal Socialista consideran básicos, como é o “acondicionamento e dotación do aparcadoiro público do Auditorio Municipal e de entrada ao Claustro de San Francisco”, ademais de “aumentar as liñas de autobuses”, con parada na zona, e reforzar as existentes.
Asemade, os socialistas lembran a importancia, desde o punto de vista simbólico, da aprobación da denominación como Praza da República ao espazo situado entre os citados edificios, e que segue pendente da súa oficialización por parte do Concello pese as reiteradas ocasións nas que se aprobou, durante este mandato e o anterior. Desde o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense solicitan tamén a dotación dun servizo de cafetería no recinto, tal e como estaba contemplada polos arquitectos no proxecto inicial do recinto, así como dunha fonte pública de auga na praza.