O PSdeG-PSOE de Ourense vén de participar nun encontro con representantes do sector da investigación xunto coa Ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant, onde os socialistas aproveitaron para trasladarlle de primeira man á titular da carteira de Ciencia a “oportunidade histórica” que suporía para Ourense albergar a futura sede da Axencia Espacial Española (AEE).
Tralo encontro, no que se puxo en valor o traballo do persoal investigador en Galicia e o esforzo do Goberno central a prol da súa estabilización, o voceiro socialista, Rafa Villarino, e o edil Xosé Rúas fixeron entrega dun extenso dosier á ministra Morant, no que subliñan e xustifican a idoneidade da cidade de Ourense como futura sede de organismos da Administración Xeral do Estado ou das súas entidades adscritas e dependentes, no marco do reto demográfico, e nomeadamente da Axencia Espacial Española.
“A ministra recibiu de bo grado un cartafol no cal damos conta das razóns polas que Ourense é a mellor candidata posible, posto que os requisitos establecidos polo Goberno de España nos reais decretos que regulan o procedemento para a desconcentración e descentralización das sedes físicas de entidades do sector público” sinalan dende o grupo municipal socialista.
“Estamos nunha cidade que conta cun crecente ecosistema universitario e empresarial perfectamente afín á natureza da Axencia Espacial Española, cun exclusivo grao en Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo que é único en toda Galicia e no noroeste peninsular, así como destacadas multinacionais aeronáuticas tales coma Coasa-Aernova, a maior do sector na nosa comunidade” exemplifican, ao tempo que engaden a relevancia do novo Instituto Universitario de Física e Ciencias Aeroespaciais, cuxa creación vén de ser ratificada por parte da Universidade de Vigo e que se localizará no campus ourensán.
Ademais, sinalan que a terceira cidade de Galicia cumpre cos criterios establecidos polo Goberno de España en relación á cohesión social, territorial e demográfica para acoller esta nova axencia, así como outros indicadores vencellados ás conexións aeroportuarias directas con capitais europeas ou a existencia de boas comunicacións de longa e media distancia mediante ferrocarril de alta velocidade.
“Contamos con infraestruturas das que outras candidatas carecen, coma unha estación á que chega a alta velocidade e aeroportos a menos dunha hora de distancia, ademais de excelentes comunicacións co norte de Portugal e coa meseta”, destacan dende o grupo socialista, ao tempo que inciden en que “Ourense é a única das aspirantes que cumpre cos requisitos tecnolóxicos, de formación e despoboamento” para acoller esta nova sede.
Os socialistas tamén informaron á ministra da proposta que levarán para aprobación do pleno municipal, na que solicitan que o Concello impulse a candidatura ourensá para ser a futura sede da AEE, unha iniciativa que defenderán mañá e que xa conta co compromiso do goberno local e da Universidade para a súa materialización en tempo e forma.
“Non é de xustiza que os e as ourensás quedemos á marxe do proceso de descentralización e desconcentración iniciado polo Goberno de España por mor da deslealdade da Xunta de Galicia coa nosa cidade”, sinalan en relación á decisión do goberno autonómico de apostar pola candidatura coruñesa para a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), ao tempo que engaden que “dado que a normativa estatal permite que sexan as corporacións locais, e non só os executivos autonómicos, os que propoñan as candidaturas, dende o PSdeG-PSOE de Ourense instamos ao Concello a reclamar para esta cidade a nova sede da AEE”.