O grupo municipal socialista no Concello de Ourense urxe ao bigoberno do Partido Popular e Democracia Ourensana a pór a disposición da Xunta as parcelas necesarias para a construción dos novos centros de saúde Mariñamansa e do Vinteún. Os socialistas demandan que o Goberno local actúe “de xeito inmediato”, logo de que o Goberno autonómico remitise cartas aos alcaldes e alcaldesas de 28 concellos galegos, entre eles o de Ourense, para “activar os proxectos de construción de novos centros contemplados nas fases 1 e 2 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria".
Así as cousas, os socialistas adiantan que demandarán na xunta de área de Urbanismo que a concelleira delegada, Sonia Ogando, proceda a responder de forma inmediata a esa solicitude, “tendo en conta que o anterior goberno socialista xa puxera sobre a mesa numerosas opcións para consideración da Xunta de Galicia en tempo récord”.
“Cómpre lembrar que no ano 2010 os socialistas facilitaron á Xunta seis posibles localizacións para a construción dun novo centro de saúde no barrio de Mariñamansa, ante a demanda trasladada polos representantes de 18 asociacións do sur da cidade que expuñan que o edificio actual, co paso do tempo, quedou pequeno e non pode albergar o equipamento necesario que demanda previsión de solo para novas infraestruturas sanitarias”, salientan.
Os socialistas entenden que, ante a ausencia de partidas específicas nos Orzamentos de 2022, serán aceptadas as emendas do PSdeG-PSOE, para que “dunha vez por todas poidan reactivarse os proxectos e obras destes dous novos centros de saúde, tan imprescindibles para a nosa cidade”.
Así mesmo, lembran que na última década foron numerosas as iniciativas e solicitudes do grupo socialista, tanto a nivel local como autonómico, en relación á creación de novas infraestruturas sanitarias en Ourense. A última delas, unha moción na que os socialistas da cidade pedían que a Xunta se comprometese a fixar un calendario definitivo para a execución das obras do novo cento da Cuña – Mariñamansa co obxectivo de resolver os déficits actuais da atención primaria na zona sur de Ourense, foi aprobada por unanimidade no pleno municipal do mes de setembro.
Agora, os socialistas insisten na necesidade de que o Goberno local se comprometa a formalizar toda a tramitación urbanística necesaria de cara á posta a disposición definitiva de terreos, xestións de licencias, e todo o que sexa necesario para axilizar a construción de dous equipamentos “imprescindibles para a cidade”.