O PSdeG-PSOE de Ourense “valora accións legais” logo do “demoledor” informe do Consello de Contas, que confirma a existencia dunha “trama de intereses espúreos” baseada nos contratos a dedo de Manuel Baltar. Os socialistas denunciaron hoxe que o órgano fiscalizador galego avalou a denuncia rexistrada hai máis dun ano, na que xa detallaban este carrusel de irregularidades nos contratos e subvencións da Deputación.
O voceiro, Rafa Villarino, asegurou que “a democracia é unha aparencia nesta deputación baixo a que atopamos unha trama de intereses espúreos” que agora evidencia Contas. “Estamos ante un sistema baseado en cadeas de favores a empresas e concellos amigos que viven de Ourense e non por Ourense”, insistiu antes de preguntarse “onde están a pluralidade, o reparto equitativo e a transparencia” das que presume o presidente constantemente.
Villarino tamén destacou que Baltar “tentou enganar ao Consello de Contas culpando a un hackeo informático acontecido en 2020, de non render a conta xeral de 2018”, como si fixeron as outras tres deputacións galegas e o resto de entidades locais, unha “escusa” que o órgano fiscalizador non creu. “Sacaremos á luz todas as cuestións que Baltar ten agochadas”, insistiu.
Pola súa banda, o vicevoceiro, Nacho Gómez, cualificou o documento como “un informe demoledor e contundente que apunta cousas moi graves desde o punto de vista xudicial”, tras recordar que Contas “non é un órgano sospeitoso de facer informes de parte”. Gómez describiu unha “administración impropia deste século”, na que “seguen a caciquear” e onde os “contratos a dedo son a norma”, incumprindo a lei.
“Non permitiremos que Baltar siga mangoneando e corrompendo esta administración pública”, insistiu o deputado antes de recordar que, na Deputación de Ourense, o PSOE “é o único dique para facer fronte a estas cacicadas e sinvergonzonerías” ante outros “silencios sospeitosos”. Tamén advertiu a Manuel Baltar que “non perda o tempo en atacarnos por defender os intereses da veciñanza” porque “non nos vai amedrentar”.
Informe "demoledor" contra o "caciquismo de Baltar
O informe do máximo órgano fiscalizador galego é demoledor: conclúe que a contratación menor a dedo e sen publicidade é o procedemento ordinario de adxudicación na deputación, superando o 80% do volume contratado en 2018. “Adxudicándose por este procedemento absolutamente todos os contratos do plan provincial de cooperación ás obras e servizos cos municipios”, salienta.
“Dos 9,8 millóns de euros contratados, 7,8 foron executados mediante este modelo de adxudicación opaca a dedo, e o 70 % destes concentráronse sempre nas cinco mesmas empresas”, sinalan desde o PSdeG-PSOE en base ao documento, antes de advertir que “indagarán” nas causas reais desta “sospeitosa concentración”.
Contas tamén resalta que o procedemento máis empregado para repartir subvencións foi a concesión nominativa a dedo –o 84 % do total–, incumprindo flagrantemente a Lei Xeral de Subvencións na que se ordena que o procedemento ordinario debe ser a concorrencia competitiva. “Non se cumpre coa obriga de publicidade en relación coas subvencións, o que constitúe unha infracción grave da normativa”, denuncia o órgano fiscalizador.
A Deputación de Ourense tampouco cumpriu coa rendición da conta xeral de 2018 que, ademais, presenta defectos graves: “os defectos son de tal magnitude que impiden considerala como rendida”, sinala o Consello de Contas antes de indicar que é a única das catro deputacións galegas nesta situación. En Galicia, 304 concellos, tres deputacións, 18 mancomunidades e seis entidades locais menores cumpriron as obrigas de rendición de contas, pero Baltar non.
Unha denuncia efectuada polos socialistas en 2020
O PSdeG-PSOE ourensán denunciou en febreiro de 2020 ante o Consello de Contas esta “grave situación”, a través dun estenso informe dun milleiro de folios no que se detallaba este “reparto a dedo” de millóns de euros “fragmentados de forma presuntamente irregular en 160 contratos menores de obra” entre catro empresas. Daquela xa puxeron en coñecemento do órgano fiscalizador que, por exemplo, ao longo dos últimos cinco anos, 30 millóns foron adxudicados mediante contratos a dedo, sempre ás mesmas empresas.