O grupo provincial do PSdeG-PSOE visitou o municipio pontevedrés da Cañiza, co fin de comprobar o “eficaz e esperanzador funcionamento” dun concello nunha provincia “cunha deputación plenamente democrática, xusta e equitativa na distribución dos seus recursos e fondos públicos”. Os e as socialistas ourensáns foron recibidos polo alcalde, Luis Piña, e por parte do seu equipo de goberno, simultaneamente á celebración na Deputación de Ourense do debate do estado da provincia inventado polo “despótico e opresor” goberno de Manuel Baltar.
Ao remate do encontro, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafa Villarino, explicou que “hoxe desprazámonos ata A Cañiza, namentres se celebra o debate do estado da provincia, xa que preferimos estar nun lugar útil”. O voceiro socialista fixo fincapé en que “atopámonos nun concello limítrofe que sirve de comparanza para o que está acontecendo en Ourense” e sinalou que “estamos nun lugar onde hai un reparto obxectivo, con criterios de poboación e superficie e no que se considera aos concellos como adultos, dándolle a súa autonomía para poder traballar, algo que non acontece en Ourense”.
O grupo provincial socialista puido plasmar, con datos, as diferenzas “abismais” no reparto de fondos públicos por parte das deputacións de Ourense e Pontevedra. “A Cañiza é un concello que conta co mesmo número de habitantes que Ribadavia e recibe 10 veces máis fondos públicos da Deputación, concretamente case 600.000 euros, polos 51.000 € que recibe Ribadavia”, explican os e as socialistas, que tamén apuntan que “isto é gracias ao plan concellos, un plan que reparte os fondos de xeito obxectivo, tendo en conta criterios como a poboación e a superficie, e sen ter en conta a cor política do goberno municipal”. Neste senso, dende o PSdeG-PSOE de Ourense afirman que “cando este concello estaba gobernado polo PP e estaba vixente o plan concellos, seguía a recibir as mesmas cantidades que percibe agora”.
O voceiro provincial, Rafa Villarino, aproveitou a visita A Cañiza para subliñar que “este é o plan que queremos para Ourense, no que existan criterios obxectivos, no que non se discrimine pola cor política e no que os concellos coñezan tan pronto comece o mandato os fondos cos que poden traballar”. O líder dos socialistas ourensáns acusou a Manuel Baltar de “facer esmorecer a Ourense cun reparto discrecional, sen planificación e sen criterios obxectivos, que está a arruinar á provincia” e apuntou a que “este modelo de Pontevedra é o noso modelo e é o modelo que poremos en marcha dentro de 7 meses en Ourense”.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense continúan coa súa labor política para denunciar o que segue sendo “unha realidade a día de hoxe”, que é un reparto “absolutamente discrecional” dos fondos públicos que chegan a Deputación de forma obxectiva por parte do Estado. Neste senso, sinalan que “é lamentable que teñamos que seguir loitando para que teñamos unha democracia real en Ourense”. A de hoxe é unha nova iniciativa que se suma ás de anos anteriores, como “1 millón de pasos por Ourense”, que levou aos deputados e deputadas provinciais a camiñar ata Madrid para denunciar o “caciquismo” e a “discriminación” existente en Ourense da man de Manuel Baltar e os seus acólitos do PP.
No encontro de hoxe na Cañiza, os e as representantes do PSdeG-PSOE de Ourense “foron recibidos polo alcalde na casa do concello, onde visitaron as instalacións municipais e logo dun paseo pola vila, mantiveron unha reunión no edificio de usos múltiples da localidade, onde puideron comprobar con numerosos datos, as “grandes diferenzas” existentes entre os concellos de Ourense e Pontevedra, á hora de falar do reparto de fondos públicos que realizan as deputacións.