O PSdeG-PSOE volve denunciar as promesas incumpridas de Ethel Vázquez coa nova estación de autobuses de Ourense, un “pendello” que segue en obras o propio día no que a Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade anunciara que se poría en funcionamento. Así as cousas, os socialistas esixen “explicacións inmediatas” ante o “desprezo e marxinación” co que a Xunta de Galicia trata a Ourense, e lembran que xa é a terceira vez que Vázquez incumpre os prazos anunciados para a finalización das obras da terminal “máis contaminante e máis pequena de todas as galegas”.
“Hoxe sería o día no que as obras da controvertida terminal terían que estar rematadas, pero no canto de ter unha nova estación de autobuses á altura da terceira cidade de Galicia, temos un pendello-rotonda a medio facer” condenan os socialistas. Ademais, engaden que á “chapuza arquitectónica” cómpre sumar o agravante do “muro-trincheira” que rodea o centro de saúde da Ponte, co cal se pretende insonorizar o tráfico diario dunha estación que moverá a preto de 400,000 viaxeiros anuais.
Lembran, así mesmo, que nas obras da estación “non hai rastro” da fonte ornamental prevista no proxecto, na cal a Xunta pretendía “despilfarrar” 50,000 euros. “Son as guindas do pendello co que Ethel Vázquez e Feijóo queren hipotecar a cidade de Ourense”, conclúen os socialistas.
Ademais, esixen coñecer se existe un estudio a respecto do impacto que “a estación de autobuses máis contaminante e máis pequena de todas as cidades galegas” pode provocar na rúa Elogio Gómez-Franqueira, unha vía coñecida polos seus altos niveis de polución, que de acordo cos datos máis recentes recollidos na estación de control da calidade do aire, está situada entre as primeiras zonas a nivel europeo en canto a contaminación por partículas en suspensión de menos de 2,5 micras en días alternos.
Folla de ruta para a residencia de maiores do Pino
Desde o grupo municipal socialista esixen unha folla de ruta “fiable” para a construción dunha residencia de maiores na finca da antiga estación de autobuses do Pino, para “evitar que a historia da nova terminal se repita”.
Os socialistas lembran que a demolición da antiga estación se levou a cabo antes de que estivera en marcha a nova, un feito que cualifican de “insólito” ao tempo que alertan da situación de “incerteza futura” que pesa sobre a parcela na que a Fundación Amancio Ortega se comprometeu á construción dunha residencia de maiores.
“Os terreos seguen a ser titularidade do Concello”, e de momento “continuamos sen saber se está resolto ou non o conflito urbanístico que pesa sobre a parcela a día de hoxe”, advirten en relación ao contrato de cesión asinado no ano 1985, no que figura expresamente que os terreos só poden destinarse a estacións de autobuses.