Sanidade

Puy pide a BNG e Psoe que convenza a Pedro Sanchez para cubrir as vacantes sanitarias

O portavoz popular lembrou que a Xunta conta este ano co maior presuposto da súa historia para a sanidade pública, un 36% máis do que destinaban nacionalistas e socialistas cando gobernaban.

Óscar Gómez

Ourense | 14.02.2023 08:01

Pedro Puy portavoz do Partido Popular
Pedro Puy portavoz do Partido Popular | El progreso

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, demandou a BNG e PSdeG que, do mesmo xeito que “intentaron capitalizar a manifestación pola sanidade pública ocupando os postos máis preeminentes, envorquen as súas forzas en convencer ao Goberno de Pedro Sánchez para que adopte as decisións imprescindibles para cubrir as prazas vacantes que existen de persoal sanitario”.

Os deputados do Grupo Popular trasladáronse hoxe á localidade ourensá de Xinzo de Limia, onde celebraron a habitual reunión dos luns preparatoria neste caso das cuestións que proporán mañá na Xunta de Portavoces para a súa inclusión na orde do día do Pleno da vindeira semana.

Desestacionalizar o turismo

Ademais desta reunión, na que os deputados populares fixeron un repaso das actuacións que a Xunta está a levar a cabo en Xinzo de Limia, visitaron, en compañía do Presidente do PP de Ourense, José Manuel Baltar, e do portavoz do PP en Xinzo de Limia, Antonio Fernández Veiga, o Museo Galego do Entroido e a exposición “Os mundos de Carlos Casares”, guiados polo irmán do insigne escritor galego.

Pedro Puy salientou que o entroido de Xinzo está considerado como o máis largo do mundo (deu comezo do 28 de xaneiro co Petardazo e rematará o vindeiro 26 de febreiro co Domingo de Piñata) e conta coa declaración como de interese turístico internacional, un recoñecemento conseguido en 2019 sendo concelleiro de Cultura actual deputado popular Carlos Gómez Salgado.

“Queremos felicitar aos organizadores, colaboradores e participantes neste entroido de Xinzo, porque mantendo estas tradicións ano tras ano conseguen non só conservar e impulsar as tradicións populares de Galicia, senón conseguir unha fonte importante de ingresos para a economía local”, sinalou o portavoz popular.

Así mesmo, apuntou que “a celebración do entroido, xunto con outras festas e celebracións que teñen lugar por toda a xeografía galega, como onte tivemos oportunidade de vivir en Lalín coa Feira do Cocido, permiten situar a Galicia como un lugar de referencia a nivel turístico, conseguindo desestacionalizar este importante sector económico galego que na actualidade xa representa máis do 10 por cento do PIB galego e xera máis do 11 por cento do emprego de Galicia”.

manifestacion capitalizada por BNG e Psoe

Respecto da manifestación celebrada onte en Santiago pola sanidade pública, Puy insistiu que “respectamos a todas as persoas que asistiron” e reiterou que “somos conscientes de que a sanidade pública ten un grave problema” pola escaseza de persoal sanitario. Neste sentido, lembrou que “estamos incrementando ano tras ano os orzamentos da Xunta para a sanidade pública galega e, máis en concreto, 2023 é o ano co maior presuposto para sanidade pública da historia de Galicia”: cerca de 5.000 millóns de euros, o que supón un 36 por cento máis do que nacionalistas e socialistas destinaban á Sanidade cando gobernaban.

“Lamentamos que esa preocupación dos galegos pola situación da sanidade pública sexa manipulada e capitalizada por BNG e PSdeG, unha oposición que, máis alá de convocar manifestacións críticas apenas aportan solución algunha”, dixo o portavoz popular.

Neste sentido, lembrou o voto en contra de BNG e PSdeG á posta en marcha de medidas que se están a demostrar eficientes para cubrir as vacantes de médicos existentes, como: a creación da nova categoría de facultativo especialista de primaria e a súa provisión, de xeito extraordinario, por concurso de méritos; a aprobación no Parlamento galego da Lei para impulsar a provisión de postos de difícil cobertura en materia de sanidade, que tamén permitirá á Xunta ofertar máis prazas en propiedade e a través de concursos de méritos, non só en atención primaria senón tamén nos hospitais comarcais; ou a aprobación a pasada semana no Pleno do Parlamento galego da proposición non de lei do Grupo Popular pedindo ao Goberno central que impulse as modificacións legais oportunas para permitir que o novo réxime de xubilación activa mellorada para médicos de familia e pediatras de atención primaria poida aplicarse a estes profesionais ata os 72 anos.

A estas medidas súmanse as acordadas a pasada semana polo Goberno galego, como a nova convocatoria de 413 prazas de persoal sanitario por concurso de méritos para cubrir postos de difícil cobertura ou a creación dunha bolsa de persoal voluntario dispoñible para cubrir prazas de médicos de familia.

“Agardamos que aqueles que fixeron bandeira política dunha manifestación sobre a sanidade pública e intentaron capitalizala ocupando os postos máis preeminentes, envorquen as súas forzas e influenzas en convencer ao Goberno de Pedro Sánchez para que adopten as decisións estruturais necesarias para poder cubrir as vacantes de persoal sanitario existentes”, como é a convocatoria de máis prazas MIR, demandou Pedro Puy, quen reiterou que “a Xunta está a facer todo o que está na súa man para paliar o déficit de médicos que existe na sanidade galega”.