O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial á alcaldesa de Ramirás, Isabel Gil, coa que mantivo un encontro para estudar as posibles liñas de colaboración entre ambas administracións co obxectivo de transformar a antiga casa escola da localidade en centro de día.
Nesta xuntanza de traballo, o presidente da Deputación avanzou o compromiso de habilitar unha partida económica que permita acometer a renovación da cuberta do futuro centro de día. Unha axuda, valora Manuel Baltar, “coa que mantemos un piar básico da administración provincial, como é cooperar cos concellos na prestación dos mellores servizos para a veciñanza”.
Isabel Gil entregou ao presidente da Deputación unha copia do proxecto que agardan executar ao longo do presente ano, “dándolle así un novo uso a un vello pero bonito inmoble de pedra que será destinado para estas novas instalacións de atención aos maiores”.