Galiciciencia

Manuel Angel gaña o concurso do diseño da camiseta de Galiciencia

Ao certame, centrado na “Aeronáutica e Aeroespacial”, presentáronse 352 debuxos de 23 centros educativos de Primaria de toda Galicia.

Óscar Gómez

Ourense | 28.03.2023 08:43

Un rapaz de Xinzo gaña o concurso do diseño da camiseta de Galiciencia
Un rapaz de Xinzo gaña o concurso do diseño da camiseta de Galiciencia | onda cero

Galiciencia é a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- desde o ano 2006. Busca achegar a ciencia á sociedade, en particular aos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación. Esta 18ª edición celebrarase no mes de maio.

Ademais do concurso de proxectos, convocouse o xa habitual concurso de deseño da camiseta oficial de Galiciencia 2023. Este certame ía dirixido a todo o alumnado de Primaria dos centros educativos de Galicia. As propostas debían ter como punto de referencia calquera obxecto ou contorna relacionada coa temática desta edición da feira, “Aeronáutica e Aeroespacial”.

Un astronauta pensativo, sentado sobre a Lúa

O gañador do concurso foi Manuel Ángel Díaz Rodríguez, alumno de sexto curso do CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia (Ourense). O seu debuxo amosa a un astronauta pensativo, sentado sobre a Lúa. Un xurado de expertos decidiu a proposta gañadora, da que se valorou a súa orixinalidade e a conexión coa temática desta edición da feira.

Ao certame presentáronse un total de 352 debuxos procedentes de 23 centros educativos de Primaria de toda Galicia, incrementándose cada ano o número de alumnos e centros participantes neste certame. O rapaz premiado recibirá camisetas para toda a súa clase, con exemplares tamén para os seus profesores e familiares. Así mesmo, distribuiranse camisetas entre o persoal da organización de Galiciencia e entre o alumnado que presente os seus proxectos na feira.