As obras de remodelación da Praza de Abastos número 1 de Ourense teñen vía libre logo de que esta mañá se desaloxasen os últimos postos ocupados do recinto. Unha patrulla da Policía Local comprobou, a primeira hora da mañá, que os locais estaban desocupados e deu orde de mudar as pertenzas que había no interior -previamente inventariadas- ás dependencias municipais do Campo da Feira, onde permanecerán un prazo de tres meses.
![Praza de Abastos Praza de Abastos](https://image.ondacero.es/clipping/cmsimages02/2020/08/05/19D49A41-C05F-4DC9-B8D5-0C5768106BDD/58.jpg?crop=4096,2322,x0,y451&width=1000&height=567&optimize=low&format=webply)
Os labores de mudanza ordenados desde a Concellería de Urbanismo permitiron que, cara ao mediodía, a empresa responsable da obra -Acciona Infraestructuras- puidese iniciar os traballos de demolición dos últimos postos que seguían en pé e proseguir coas obras de remodelación da Praza segundo estaba previsto.
![Praza de Abastos Praza de Abastos](https://image.ondacero.es/clipping/cmsimages02/2020/08/05/62083CEF-0D14-4D22-BAB3-5471E5445123/58.jpg?crop=4096,2322,x0,y381&width=1000&height=567&optimize=low&format=webply)
A titular da Concellería de Urbanismo, Sonia Ogando, destaca a súa satisfacción polo remate deste expediente administrativo, no que os prazos se demoraron polo estado de alarma decretado pola Covid-19. “As obras da Praza de Abastos comezarán agora ao ritmo que tiñan que levar desde un principio”, asegura.
“É unha grande infraestrutura, de vital importancia para a nosa cidade”, afirma Sonia Ogando, que quere agradecer o labor de todas as persoas que se implicaron no proceso: persoal de Patrimonio, Servizos Xerais, Policía Local, a arquitecta de obra municipal, a empresa Acciona, e a empresa que retirou as pertenzas das persoas que ocupaban os postos... “Houbo un grande traballo de equipo que fixo posible que isto se resolvese da forma máis rápida e segura posible”.
![Praza de Abastos N1 Praza de Abastos N1](https://image.ondacero.es/clipping/cmsimages02/2020/08/05/04C1173A-BBFA-4630-9D0E-0EED230ACCF9/67.jpg?crop=2322,4096,x379,y0&width=567&height=1000&optimize=low&format=webply)