O acto foi presentado no Pazo Provincial polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o bispo de Ourense, Leonardo Lemos, e o director da Real Banda, Xosé Lois Foxo, quen coincidiron en sinalar que este evento “cultural e musical é toda unha tradición e coincide coa conmemoración do centenario do Papa san Juan Pablo II, a quen tan vencellado estivo a Real Banda”, salientou Rosendo Fernández.
Pola súa banda, o bispo de Ourense destacou “a ledicia de presentar este concerto polo que supón de tradición e polos valores que representan a Real Banda e o mestre Xosé Lois Foxo, facendo ourensanía e galeguidade aló por onde van”.
Foxo explicou que o concerto estará habilitado para un aforo de 200 persoas e será tamén retransmitido por streaming, “e ten a connotación especial de honrar a san Juan Pablo II, amigo que foi da Real Banda, e ante quen actuamos en diferentes ocasións, nos anos 1989, 1995 e 1996, esta última en Castelgandolfo nun concerto que lle ofrecemos persoalmente a el”.
O concerto, que será presentado por Montse Estévez, comezará coa proxección dun resumo do concerto da Real Banda a Juan Pablo II, e de seguido terá lugar a mensaxe da Delegación Episcopal para a Vida Consagrada. A parte musical iniciarase cun saúdo de percusión e a continuación a Real Banda interpretará unha parte da égloga operística “Pastora da Serra Sola”, “O cantar da Primavera”, o pasodobre “Pastora da Serra Sola”, a xota “Serra Escura”, “Rumba da Pastora”, “Ad honorem Regis summi & Santa María Estrela do día” (a cargo do grupo de zanfonas da Escola de Gaitas), para seguir coas cantareiras da Real Banda, a égloga Alborada e a muiñeira de Wojtyla, rematando cos himnos Galego e de Ourense.