Cultura

A Rede de Auditorios Provincial pecha o ano con preto de 10.000 espectadores

A Deputación destinou este ano un orzamento de 150.000 euros repartidos entre os diferentes concellos que integran a REAOU, cun importe de media por concello de 2.059 euros.

Óscar Gómez

Ourense | 14.12.2023 08:13

A Rede de Auditorios Provincial pecha o ano con preto de 10.000 espectadores
A Rede de Auditorios Provincial pecha o ano con preto de 10.000 espectadores | onda cero

A Rede levou a cabo un total de 97 actuacións nos distintos espazos habilitados da provincia chegando en total a máis de 10.000 espectadores, cifra que acredita o interese que existe polas distintas actuacións, así como a súa capacidade para dinamizar os territorios que as acollen.

A Deputación de Ourense, tal e como se deu conta na xuntanza, destinou este ano un orzamento de 150.000 euros para cofinanciar os espectáculos culturais celebrados nos diferentes concellos que integran a REAOU. Así mesmo, cabe destacar que neste 2023 incorporáronse á mesma dous novos concellos: Beade e Xunqueira de Espadanedo, chegando a estar a día de hoxe conformada polo 56% dos municipios da provincia.

A Rede Provincial de Auditorios nace no ano 2017 co obxectivo de servir de elemento dinamizador e vertebrador no ámbito da cultura na provincia de Ourense e, para elo, a Deputación comprométese así a cofinanciar as actuacións que se desenvolvan baixo o paraugas deste programa. Ao mesmo tempo, esta iniciativa serve para incrementar a actividade da oferta cultural destes espazos municipais (auditorios, salas multiusos, centros socioculturais, teatros, entre outros).