A exposición “Ao redor do universo Beatle” suma máis de 6.000 visitantes dende a súa inauguración, o pasado 25 de abril, dentro da oitava edición da Ourense ICC Week. Ante este éxito dunha mostra que foi celebrada nos medios de comunicación como a mellor exposición arredor do mítico grupo de Liverpool perfilada nunca en España, o proxecto deseñado pola Deputación de Ourense ampliará as súas datas de apertura no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata o vindeiro 25 de xullo. Ademais, sumaranse novos obxectos a una mostra composta por unhas 300 pezas procedentes de coleccións privadas.
Manuel Baltar destacou que “o éxito obtido por ‘Arredor do universo Beatle’ supera as expectativas que tiñamos ao comezo. O éxito é claro por parte da mellor exposición realizada nunca en España arredor dos Beatles, e ademais con sorpresas, como a chegada este fin de semana de Javier Parisi, o Lennon arxentino, que relanza esta iniciativa cultural”.
Das máis de 6.000 visitas, 1.500 proceden das visitas guiadas realizadas por colexios e asociacións. Uns datos valorados moi positivamente por Manuel Baltar: “Estas 6.000 persoas avalan o xuízo de moitos de converter a mostra en permanente. E de feito vaise a prorrogar, porque vamos a ser quen de incorporar material novo, que sen dúbida chamará a atención das lexións de persoas que teñen ós Beatles como referente non so musical, senón tamén emocional. Este grupo é a banda sonora emocional de moitos”.
O presidente da Deputación de Ourense resaltou o “excelente traballo do comisario Chema Ríos”, parte fundamental xunto ao montaxe do equipo dirixido por Xosé Lois Vázquez “Che” dunha exposición que conta con textos contextuais escritos polo xornalista e músico Carlos Rego. “O éxito fala ben do traballo de todos eles, e a capacidade para sorprender que ten Chema Ríos, con exemplos como a chegada de Javier Parisi ou outras iniciativas que se verán no futuro”.
Unha reivindicación do fondo impacto cultural dos Beatles
“Ao redor do universo Beatle” reúne no Centro Cultural Marcos Valcárcel a 300 pezas procedentes de distintas coleccións particulares que se mostran ao público, con numerosas pezas persoais dos distintos membros da banda mostradas en diferentes ambientes para recrear varios momentos imprescindibles na traxectoria do grupo, dende a icónica cama de John Lennon e Yoko Ono ata a súa estadía na India, o paso de cebra de “Abbey Road” ou a portada de “Sgt. Pepper’s Lonely Hearts Club Band”.
A exposición, con espírito interactivo, queda completada con memorabilia dos Beatles xunto a libros, revistas e xornais. O conxunto, como resaltaron os seus organizadores, reivindica o potente impacto cultural obtido polo grupo de Liverpool na cultura contemporánea, e que se mantén na actualidade.