O Concello de Ourense, a través da Concellería de Medio Ambiente, inicia os traballos de remodelación integral da rotonda localizada entre a avenida de Zamora e a rúa Nosa Señora da Sainza. A renovación incluirá a incorporación de novos equipos de arquitectura acuática, hidráulica e lumínica.
O concelleiro Jorge Pumar recorda que “este proxecto ten un dobre obxectivo: dunha parte a remodelación en si da obra, pero sobre todo homenaxear a aqueles que estiveron, están e seguirán estando na primeira liña da loita contra a pandemia, e recordarnos a todos, no futuro, o labor de aqueles que desinteresadamente ariscaron e arriscan moito por axudarnos a todos”.
As actuacións inclúen a instalación de unha innovadora arquitectura acuática, coa incorporación dunha tobeira principal composta por 24 surtidores parabólicos inclinados que conformarán unha atractiva coroa que pode alcanzar os 3 metros de altura. No centro do estanque inferior, instalarase unha tobeira tipo: columna de espuma, composta por 72 saídas verticais capaces de crear unha gran columna de espuma de ata 2,5 metros de altura.
A instalación hidráulica renovarase de forma completa, incorporando 5 novas bombas somerxidas, un novo equipo de depuración mediante filtro de area e un novo dosificador de cloro. A nova equipación asegura evitar perdas de auga no proceso de xestión e desta maneira mellorar o rendemento ambiental do conxunto da infraestrutura.
A reforma lumínica permitirá a adaptación das luminarias aos novos criterios de sostibilidade co novo equipamento de lámpadas led RGB, que incorporan proxectores de aceiro inoxidable, de potencia de 14 W. Esta instalación complementarase con 32 unidades de PM 20.10 de lámpada led RGB-Se, e a renovación integral do cadro de mando do conxunto da rotonda.