A UFD, distribuidora eléctrica de Naturgy, investirá preto de 2,3 millóns de euros na reforma integral da subestación eléctrica de San Cibrao das Viñas (Ourense). As obras permitirán ampliar a capacidade da infraestrutura, ademais de mellorar a calidade e fiabilidade do subministro eléctrico aos polígonos industriais de San Cibrao e Pereiro de Aguiar, e aos concellos da zona.
A actuación suporá a completa renovación e apantallamento do parque a 20 kV da subestación, coa instalación dun conxunto de celas blindadas de dobre barra no interior da edificación existente. Tamén se dotará a instalación de novas tecnoloxías en telemando e sensorización, o que suporá unha ampliación da súa capacidade e unha mellora da calidade da subministración, ao optimizar a fiabilidade e minimizar os tempos de resposta ante calquera incidencia.
O delegado da UFD en Ourense, Pablo Carreira, e o alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández, acompañados polo presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, José Antonio Rodríguez Araújo, visitaron as obras de reforma da subestación e comprometeuse a seguir colaborando na mellora continua da calidade e garantía de abastecemento da zona.
Durante a visita, na que tamén asistiron o xefe de operacións da UFD en Ourense, Jorge Mato, e a tenente de alcalde do Concello, Marta Novoa, puideron ver o avance das obras, que xa están na última fase de desenvolvemento, que permitirá a posta en servizo das novas instalacións nas próximas semanas.
Segundo o delegado da UFD na provincia de Ourense, Pablo Carreira, “a reforma da subestación de San Cibrao supón o investimento máis importante da distribuidora na zona e é unha proba máis da aposta desta empresa polo desenvolvemento enerxético e económico da contorna industrial de Ourense. e a vocación de traballar para garantir a fiabilidade e calidade do subministro eléctrico a todos os coruñeses”. Pola súa banda, o alcalde de San Cibrao das Viñas agradeceu a UFD a súa disposición a colaborar, así como os investimentos da distribuidora, que permitiron melloras nas instalacións eléctricas da zona”.
Cada ano, a compañía inclúe no seu plan de investimentos actuacións e iniciativas para reforzar e modernizar a infraestrutura de subministración eléctrica e dixitalizar a rede de distribución, especialmente no rural, contribuíndo ao desenvolvemento económico destes territorios como vector á hora de fixar poboación no rural.