O Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense abre aos clubes, as obras de remodelación do campo municipal de fútbol 8 do Complexo deportivo de Oira. Os traballos consistiron na instalación de novo céspede artificial de última xeración, con certificación FIFA. As obras foron realizadas pola empresa Mondo e supuxeron un investimento de 97.000 euros.
Os traballos tiñan como finalidade mellorar as condicións de uso destas instalacións de fútbol 8, cuxo céspede se atopaba desgastado como consecuencia do uso continuado, substituíndoo por un novo, de última xeración, que mellora as condicións de práctica do deporte, a rodadura da pelota e a seguridade dos e das deportistas. A actuación desenvolveuse nunha superficie aproximada de 3.458 metros cadrados, que abranguen o terreo de xogo e o seu perímetro, formado polas bandas e fondo do campo. Tamén se revisou o sistema de drenaxe e de rega e a nivelación do chan sobre o que se asenta o céspede.