Infraestructuras

A renovación da autovía AG-53 estará finalizado en Outubro

Remataron xa os traballos de reposición do pavimento na calzada no sentido Santiago-Ourense, centrándose agora a execución no sentido contrario e acadando un grao de execución do 50%

Óscar Gómez

Ourense | (Publicado 09.09.2020 13:07 )

Ethel Vazquez supervisando as obras da AG-53 | onda cero

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou que a renovación do firme que a Xunta está a executar na autovía AG-53 entre Dozón e San Cristovo de Cea estará finalizada en outubro, logo dun investimento de 4,8 millóns de euros. A conselleira supervisou o desenvolvemento destes traballos, que prevén a actuación nun total de 18 quilómetros do tronco do tramo autonómico da conexión Santiago-Ourense, ademais de en 3 quilómetros nos ramais dos enlaces de Piñor e Cea.

Segundo explicou, a actuación entre Dozón e San Cristovo de Cea inclúe, ademais da renovación do firme, a reparación dos danos superficiais na vía e o fresado dos taboleiros de pasos de viga e, tamén, o repintado das marcas viarias e a reposición de captafaros e elementos de balizamento. Ethel Vázquez salientou o bo ritmo na execución dos traballos, que comezaron na segunda semana de agosto e que acadan xa un grao de execución do 50%. Así, indicou que está xa rematada a renovación da capa de rodadura da calzada do sentido Santiago-Ourense e esta semana a execución se centra no sentido contrario. A partir do 21 de setembro comezará a extensión do novo pavimento no enlace de Cea.

A conselleira sinalou que, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, as obras de renovación extraordinaria do firme da autovía AG-53 entre Dozón e Cea estarán rematadas no mes de outubro. No caso de que as chuvias impidan facelo nese momento, o repintando definitivo das marcas viarias acometerase en primavera, posto que se trata de traballos que deben ser executados en tempo seco.

As obras foron programadas co obxectivo de minimizar a afección aos usuarios, pese ao que foi necesario realizar cortes de tráfico e a habilitación de desvíos por vías alternativas, algo polo que a titular de Infraestruturas da Xunta pediu desculpas aos condutores, cuxa paciencia e compresión agradeceu.

Trátase, apuntou a Ethel Vázquez, dunha renovación integral do firme prevista no contrato de concesión da autovía autonómica para o ano 2022. Sen embargo, a Xunta decidiu adiantar a actuación a este ano para garantir a prestación do mellor servizo aos preto de 8.500 vehículos que circulan cada día pola AG-53.

Afirmou que se trata dunha intervención “necesaria e importante” para o reforzo da seguridade da vía e para facer máis cómodos os desprazamentos e a enmarcou na aposta que vén realizando a Xunta por manter as estradas autonómicas nas mellores condicións. A ese respecto puxo en valor que o Goberno galego destina unha media de 40 millóns de euros ao ano á conservación ordinaria e extraordinaria das estradas da súa titularidade.

Ademais, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade referiuse ao traballo que vén realizando a Xunta por mellorar a autovía autonómica AG-53, onde ademais destas obras de renovación de firme, están en redacción dous proxectos para permitir todos os movementos de entrada e saída desde Dozón. Nese sentido, avanzou que en vindeiras datas o Goberno galego aprobará o decreto das expropiacións necesarias para a incorporación á autovía desde a N-525, en sentido Ourense.