Ribeira Sacra

A Ribeira Sacra entra na recta final para súa declaración como reserva da Biosfera

O territorio proposto na candidatura, que abrangue 23 concellos de Lugo e Ourense, entrará tamén no reparto dos fondos europeos do Plan de recuperación económica estatal, grazas a que a Xunta reclamou expresamente a súa inclusión.

Óscar Gómez

Ourense | 10.05.2021 08:08

A Ribeira Sacra entra na recta final para súa declaración como reserva da Biosfera
A Ribeira Sacra entra na recta final para súa declaración como reserva da Biosfera | onda cero

A candidatura da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel a Reserva da Biosfera encara a recta final cara á súa proclamación oficial por parte da Unesco este mesmo ano.

Así o indicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen visitou xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o miradoiro do Cabo do Mundo, no concello lucense do Saviñao, desde onde se pode ver unha das mellores panorámicas desta zona.

Este foi o lugar escollido para facer balance do traballo liderado pola Xunta nos dous últimos anos ata chegar ao momento actual, pendente tan só do pronunciamento do Comité Internacional de Coordinación do programa MaB (Man and Biosphere), órgano reitor da Unesco e responsable da decisión sobre as candidaturas.

Deste xeito o explicou a conselleira, quen indicou que aínda que o acto de proclamación estaba previsto inicialmente para xuño en Nixeria, o comité español do MaB acaba de notificar que a reunión se pospón, como mínimo, ata o final do verán.

Fondos para as reservas da biosfera

Precisamente esta foi unha das cuestións que se abordou o pasado venres na reunión extraordinaria do Comité español do programa MaB, celebrada telematicamente e na que participou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.

Segundo explicou a conselleira, nesta xuntanza tratouse tamén a proposta de criterios para a territorialización por comunidades das partidas asignadas para as reservas da biosfera de todo o país con cargo aos fondos europeos de recuperación económica.

Non obstante, a futura Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel non figuraba incluída no devandito reparto, que se restrinxía tan só ás 52 reservas declaradas en España a día de hoxe, unha omisión ante a que a Xunta amosou o seu malestar e solicitou unha rectificación por parte do Goberno.

Neste sentido, a conselleira agradeceu que a proposta feita e defendida polo Executivo galego na reunión do comité español do MaB fose finalmente apoiada por unanimidade, o que garante que e Galicia recibirá no período 2021-2023 uns fondos axeitados e acorde á dimensión de todas as súas reservas da biosfera.

De feito, subliñou que a próxima proclamación da que será a sétima Reserva da Biosfera da Comunidade suporá unha boa nova para a Ribeira Sacra e tamén para toda Galicia. Así, lembrou que coa súa incorporación, a superficie catalogada con este recoñecemento internacional incrementarase ata chegar case ao 35% de todo o territorio galego; pero tamén suporá que o 42% de Galicia quede amparado baixo algunha figura de protección, afianzando o recoñecemento á riqueza do noso patrimonio natural en todo o mundo.

Obxectivo: conseguir a tripla coroa da Unesco

Ángeles Vázquez incidiu en que será un recoñecemento clave para este territorio, que se estende por 18 municipios da provincia de Lugo e 5 da de Ourense, unidos polo seu alto valor paisaxístico e cultural en común e a súa aposta decidida por un desenvolvemento sustentable. Ademais, lembrou que permitirá subir outro chanzo para seguir avanzando cara ao ambicioso obxectivo que se fixou a Xunta: conseguir a tripla coroa da Unesco para a Ribeira Sacra.

Neste sentido, cómpre lembrar que desde abril do ano 2019 este territorio ostenta o título de Xeoparque Montañas do Courel –o único deste tipo que hai na Comunidade- e que, de forma paralela aos traballos desenvolvidos para impulsar a súa candidatura a Reserva da Biosfera, a Consellería de Cultura lidera tamén unha proposta para que sexa recoñecido pola Unesco como Patrimonio Mundial.

Por iso, a conselleira indicou que o compromiso da Xunta coa posta en valor da Ribeira Sacra “é indiscutible”, tanto polo traballo que se está a realizar para que obteña o máximo recoñecemento internacional como polos investimentos e o apoio expreso do seu departamento a este territorio. En concreto, referiuse á posta en marcha en 2019 do Plan de Acción Estratéxico para a Ribeira Sacra, que contempla ata 10 actuacións ambientais e de ordenación do medio físico nesta zona, cun orzamento de 3,5 millóns de euros e que beneficiará a unha trintena de concellos.

Entre os últimos avances e os principais fitos acadados no marco deste plan, Ángeles Vázquez subliñou o Pacto pola paisaxe, asinado a finais de 2020 e do que moi pronto se poderá presentar o documento definitivo; o Plan de acción da paisaxe, actualmente en fase de información pública; ou a ARI supramunicipal da Ribeira Sacra, declarada o ano pasado e na que se abriu a finais de marzo unha nova convocatoria de axudas para rehabilitar vivendas, aínda en prazo para a presentación de solicitudes aínda aberto.