Rivo destacou que é fundamental dotar ás iniciativas emerxentes, micropemes, pemes e autónomos dos espazos necesarios para que poidan conectar entre elas, captar sinerxías e facer networking. Nesta liña destacou que fomentar o emprendemento, o emprego de calidade e a dinamización e diversificación da economía local son compromisos que están a marcar a axenda autonómica.
A Xunta vén de inaugurar hai menos dun mes o Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego do Porriño. É o segundo en marcha nesta provincia de Pontevedra, onde xa funcionaba o de Silleda. En datas próximas, anunciou a conselleira, abrirase un novo centro en Vilanova de Arousa.
No conxunto da Rede de polos, que conta con 12 centros en activo, atendéronse desde hai algo máis dun ano do seu estreo máis de 900 persoas emprendedoras, o 60% delas mulleres. Entre eses proxectos, destaca o comercio (15%), a hostalaría (14%), servizos (13%) e agricultura, gandaría e pesca (10%).
Estes recursos, dixo Rivo, están a resultar esenciais para xerar riqueza pegada ao territorio e favorecer a economía local sobre todo en zonas rurais. “Congratúlanos que esta iniciativa teña espertado o interese da Comisión Europea como modelo a replicar noutros países da Unión”, indicou.
Nómades dixitais
A conselleira de Promoción do Emprego avanzou que a Xunta de Galicia quere aproveitar o potencial de crecemento das contornas rurais e dar cabida na comunidade a nómades dixitais ou profesionais en remoto a través de espazos co-living. Este proxecto, segundo relatou, quere engadir aos tradicionais servizos de coworking a posibilidade de establecer unha residencia temporal nos destinos.
“O obxectivo desta iniciativa é seguir dinamizando o rural galego, xerando actividade económica dun modo sustentable”, afirmou Rivo. En 2024 o Goberno galego seguirá a reforzar a Rede de polos con máis de 2,7 millóns de euros para garantir o seu mantemento. Outros 7 millóns destinaranse a axudas para proxectos de emprendemento postos en marcha ao abeiro desta Rede.
En total, para darlle un pulo ao emprendemento en Galicia contará cun orzamento de 30,6 millóns o ano que vén, o 52% máis que en 2023.