Empleo

Rivo pon en valor os programas integrados de emprego a persoas con dificultades

A Xunta de Galicia está a destinar este ano máis de 10 millóns de euros a programas integrados de emprego con obxectivo de mellorar a ocupación de miles de galegos.

Óscar Gómez

Ourense | 19.10.2023 08:09

Rivo pon en valor os programas integrados de emprego a persoas con dificultades
Rivo pon en valor os programas integrados de emprego a persoas con dificultades | onda cero

Elena Rivo, acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, visitou a Asociación de familiares de enfermos de Alzhéimer de Ourense (Afaor), onde clausurou un Programa Integrado de Emprego (PIE) financiado pola Xunta de Galicia e no que participaron 100 persoas, que se formaron en mobilización de enfermos, rehabilitación ou nutrición, entre outras especialidades relacionadas coa atención sociosanitaria a persoas maiores.

A representante autonómica destacou que case o 50% das persoas que toman parte na iniciativa, moitas delas con dificultades no acceso ao mercado laboral por condicións de discapacidade, idade, etc. xa acadaron unha efectiva inserción laboral. A Xunta de Galicia está a destinar este ano máis de 10 millóns de euros aos programas integrados de emprego cos que se quere mellorar a ocupación de miles de galegas e galegos sen emprego.

Ao igual que noutras políticas, o Goberno autonómico fixa como destinatarias prioritarias ás persoas desempregadas con discapacidade, en risco de exclusión, mulleres vítimas de violencia de xénero, mozas e mozos menores de 30, maiores de 45 anos, inmigrantes ou paradas de longa duración.

A conselleira subliñou a relevancia dos PIE porque poñen o foco en accións encamiñadas á información, orientación e asesoramento. Ademais de transmitir coñecemento técnico, traballan a motivación para o emprego e a intelixencia emocional, as habilidades sociolaborais, e fomentan a capacidade emprendedora.

Elena Rivo aproveitou a visita para poñer en valor, ademais, os 28 anos de traxectoria de Afaor, traballando na mellora da calidade de vida dos seus usuarios e no apoio a coidadores e familiares. Un esforzo que xa en 2010 permitiu que esta entidade fora recoñecida de Utilidade Pública, subliñou.