O ourensán Roberto Fernández Álvarez recibiu esta tarde o XLI Premio de novela Eduardo Blanco-Amor pola obra “A inmoral doutora Cons”, unha novela seleccionada polo xurado de entre 25 orixinais presentados ao galardón máis veterano e de maior prestixio da novela en lingua galega, organizado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco-Amor e dotado cun premio de 15.000 euros, xunto cunha peza escultórica do artista ourensán Acisclo Manzano.
O Liceo de Ourense acolleu o acto literario de entrega do premio, onde se deron cita o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; o director da Fundación Eduardo Blanco-Amor, Luís González Tosar; e representantes de institucións, entidades e persoeiros do ámbito cultural ourensán e galego.
César Fernández foi o encargado de entregar o premio a Roberto Fernández Álvarez por “unha novela que o sitúa ao carón dos grandes das nosas letras”, celebrando o fallo do xurado e esta homenaxe a Eduardo Blanco-Amor, “unha figura clave na construción cultural de Galicia”.
Sobre a figura de Blanco-Amor, o vicepresidente segundo sinalou que “figuras como el son clave para a nosa nación cultural”, polo que as administracións públicas “teñen o compromiso de potenciar e reivindicar as súas figuras”. César Fernández lembrou o esforzo da Deputación de Ourense e do seu presidente, Manuel Baltar, “por recoller este premio no momento que esmorecía e devolvelo ao nivel merecido por Eduardo Blanco-Amor, un exemplo como persoa e cidadá, polo seu espírito crítico e polo seu amor a Ourense”.
Roberto Fernández Álvarez agradeceu o premio, “enmarcándose entre dúas correntes eléctricas, a miña paixón pola literatura e a miña paixón pola medicina”. Confesouse fascinado por recibir “o premio Nobel, porque para min este é o premio Nobel da literatura galega”. O gañador do XLI Premio Blanco-Amor adicou o recoñecemento ao seu pai, Silverio, pola influencia literaria na súa persoa.
González Tosar: “Esta é unha novela fresca e ben trazada, que dará que falar”
Pola súa banda, Luís González Tosar remarcou a celebración “dun personaxe completamente distinto, Eduardo Blanco Amor, un rapaz que con dezanove anos decide emigrar, vivir unha vida libre e recuncar en 1965 a Ourense, cheo de ilusións, entrañable e necesitado de cariño”.
“Hoxe sentímonos encantado, felices, por escoitar unhas palabras de aire fresco”, sinalou González Tosar en relación á figura de Roberto Fernández Álvarez, definindo “A inmoral doutora Cons” como unha obra que “vai a dar que falar, unha boa novela no sentido máis puro, fresca e ben trazada”. Sobre o gañador do premio, o secretario xeral de Política Lingüística amosouse na súa intervención convencido de que un “médico que escribe novelas é, sen dúbida, un bo médico e un médico que gaña o Blanco-Amor é un novelista formidable”.
O xurado recoñece un “retrato certeiro do rural galego nos anos 50 do século XX”
O xurado seleccionou a novela “A inmoral doutora Cons”, presentada baixo o pseudónimo de Carme Leonor Friedmann, pola "habilidade do autor para reconstruír un tempo pasado" -a década dos 50 do século XX- e "o retrato certeiro do rural galego, cun matiz ourensán, fronte á perspectiva dunha médica que chega de fóra e que loita con valentía para desbotar prexuízos instalados naquela sociedade, principalmente no eido sanitario". Ademais, o xurado destaca o "tratamento acaído da perspectiva de xénero, a construción dos personaxes e o bo manexo dos diálogos, con acenos próximos á obra de Eduardo Blanco-Amor e Álvaro Cunqueiro".
O xurado estivo presidido por Luís González Tosar, en representación da Fundación Blanco-Amor, e integrado por Elba Pedrosa, Mario Regueira, Tensi Gesteira e Maite Jiménez.
Roberto Fernández Álvarez (Ourense, 1967) é médico de Atención Primaria en Allariz. É autor do ensaio "Enfermos pobres, médicos tristes", gañador do XXI edición do premio Vicente Risco de ciencias sociais. En "A inmoral doutora Cons", o narrador testemuña, Nonato González "Golpe", lembra os acontecementos vividos na súa adolescencia arredor da chegada ao pobo da doutora África Cons del Valle. Unha novela coral, apoiada nunha excelente documentación, pola que transitan máis de 30 personaxes todos eles nun carácter moi singular.