Cultura

Román Rodríguez celebra a renovación dos equipamentos culturais de Ourense

Subliña que as melloras na Biblioteca, o Arquivo e o Museo da cidade son “unha esixencia xusta e razoable dos veciños”

Óscar Gómez

Ourense | 09.09.2022 07:53

Román Rodríguez celebra a renovación dos equipamentos culturais de Ourense
Román Rodríguez celebra a renovación dos equipamentos culturais de Ourense | Onda Cero

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitou o Arquivo Histórico Provincial de Ourense xunto co ministro de Cultura e Deporte, Miguel Iceta, onde celebrou que os sucesivos gobernos mantivesen o compromiso coa renovación dos equipamentos culturais de Ourense.

Como recordou, a posta en valor e mellora do Arquivo, xunto coa Biblioteca Pública Nós e o Museo Arqueolóxico da cidade ourensá teñen sido unha reivindicación “xusta e razoable” do municipio e os seus veciños para contribuír a incentivar a súa riqueza histórica. Unhas reivindicacións nas que, como indicou, a colaboración institucional foi fundamental.

Neste sentido fixo mención aos primeiros contactos, hai máis dunha década, da Xunta de Galicia co Goberno central para avanzar nestes proxectos que foron recibidos “cunha xenerosidade que se mantivo intacta no tempo logo de seis ministros de dous partidos distintos”. “Entre todos os implicados logramos desatascar cada iniciativa para definir hoxe un circuíto ourensán especialmente diverso na súa actividade cultural”, expresou.

Román Rodriguez en Ourense
Román Rodriguez en Ourense | onda cero

De feito, a Xunta realiza un investimento anual para o funcionamento e programación da Biblioteca e do Arquivo de Ourense de 1,8M€, dado que é a responsable da súa xestión, persoal e actividade. No caso do Museo Arqueolóxico, Román Rodríguez confiou en que o Ministerio realice as accións necesarias para lograr axilizar os traballos de rehabilitación da súa sede para que estean listas o ano que vén.

Aproveitando a presenza na visita do ministro Miquel Iceta, o titular de Cultura da Xunta solicitou que este apoio estatal se amplíe a outros proxectos igualmente estratéxicos en Vigo e Pontevedra, para conseguir que a cidade olívica conte cunha Biblioteca Pública do Estado á altura das necesidades da cidade. No caso de Pontevedra a Xunta agarda por unha intervención urxente nos depósitos da Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola por parte do Goberno central e na nova sede do Arquivo.

PERTE cultural

“Os axentes culturais precisan seguridade e certezas”, engadiu Román Rodríguez facendo referencia, ademais, á necesidade de activar un PERTE cultural cos fondos europeos, unha reclamación que Galicia vén facendo nos últimos meses e que hoxe reiterou ao ministro de Cultura. “Esta ferramenta facilitará un novo salto de calidade para a cultura e será un estímulo para a súa produción e crecemento”, engadiu.