O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, recibiu a José Eduardo López Pereira, recentemente nomeado presidente da Fundación Otero Pedrayo, a quen trasladou o compromiso da Xunta de Galicia con esta institución que ten como obxectivo favorecer á divulgación da cultura galega e manter viva a memoria e a promoción da obra de Ramón Otero Pedrayo.
No seu encontro, o responsable de Cultura da Xunta de Galicia e o novo presidente da entidade de Amoeiro, acompañados polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, renovaron o seu acordo anual mediante o cal a Consellería de Cultura, Educación e Universidade colabora cos gastos de funcionamento e programación da Fundación. Unha colaboración que, en palabras do conselleiro, reflicte o apoio do Goberno galego ao traballo desta entidade para recoñecer e promocionar ao espallamento da lingua e a cultura galega a través de iniciativas como o Premio Trasalba, que este ano celebra a súa trixésimo oitava edición.