O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou esta mañá que o parque acuático de Monterrei -do que hoxe se inaugurou unha nova fase- permitirá reforzar o potencial turístico da provincia de Ourense e dinamizar a economía da contorna. “Temos que darlle unha nova vida, dinamizar e dar oportunidades ao interior de Galicia e este é un magnífico exemplo”, sinalou.
Tras apertura no verán de 2023 das primeiras instalacións (piscina infantil, piscina de relax, de ondas ou a zona de splash), inaugurouse a fase 1 xa totalmente rematada deste complexo que inclúe novos servizos como aparcadoiro, vestiarios, sendas peonís e zona de xogos para nenos así coma catro novas atraccións acuáticas: hidrotubos abertos e pechados e dous novos tobogáns.
Tal e como salientou Rueda, a Xunta foi a encargada de executar as obras da fase 0 e 1 do complexo lúdico-deportivo, nas que investiu preto de 9 millóns de euros. As instalacións vanse completar cunha nova área de relax (río de cascadas, piscina de nado...), máis atraccións de auga e un parque multiaventura. A Deputación de Ourense levará a cabo estas tres últimas fases.
O presidente fixo fincapé en que este novo complexo lúdico-deportivo é unha oportunidade para xerar emprego na comarca e servirá de atractivo “para a xente que nos visite e para que os galegos fagamos turismo” no interior da comunidade.