Empresas

Seis empresas ourensás seleccionadas para internacionalizar os seus produtos ou servizos

Son 11 empresas da provincia de Pontevedra, seis de Ourense e catro da Coruña, de sectores tan diversos como as novas tecnoloxías, alimentación ou téxtil.

Óscar Gómez

Ourense |

Seis empresas ourensás seleccionadas para internacionalizar os seus produtos ou servizos
Seis empresas ourensás seleccionadas para internacionalizar os seus produtos ou servizos | onda cero

O programa “Galicia Avanza” vén de seleccionar 21 novas empresas para a súa terceira edición. Esta iniciativa poñíase en marcha en 2022, froito da colaboración entre a Consellería de Economía e Industria, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), entidade encargada da súa xestión e coordinación.

Das empresas beneficiarias desta edición, 11 proceden da provincia de Pontevedra, seis de Ourense e catro da Coruña. Ao longo dos vindeiros meses, terán a oportunidade de acceder a un programa integral de apoio á internacionalización, que se prolongará ata febreiro de 2025, con itinerarios personalizados para cada unha delas. Vaise traballar na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais, na detección de posibles colaboracións con outras empresas, no acceso a novos segmentos de clientes e en incrementar a atracción de financiamento externo, entre outros aspectos.

Empresas Ourensanas selecionadas

Gómez y Crespo (Ourense). Especializados na fabricación de accesorios para instalacións de gandería e animais de compañía. Queren expandir a súa influencia global cunha liña de produtos específica para mascotas como un baño para coellos ou hamacas e sofás para gatos e cans.

Esdinela (San Cristovo de Cea). Achega a natureza e os valores do mundo rural de Galicia a través de conservas vexetais elaboradas con produtos procedentes de pequenos produtores locais, sen glute, sen lactosa e sen colorantes nin conservantes artificiais, co selo de Artesanía Alimentaria de Galicia. Tamén comercializa cosmética natural e aceites esenciais procedentes de plantas silvestres e de residuos de podas e tallas.

RIR&CO (Allariz). Un taller de artesanía téxtil que elabora a man tecidos con fibras naturais, empregando técnicas tradicionais. O produto que quere internacionalizar é D-leite, unha manta de bebé realizada no tear con la de ovella de raza merina española e fibra ecolóxica de proteína láctea, a caseína, que non se emprega para o consumo humano, e mestúrana con auga e outras substancias naturais como cera de abella.

Agrupación para o Desenvolvemento e Formación do Sector Apícola Galego (Barbadás). Unha Asociación Apícola que busca exportar “Belacolmea”, unha liña de apicosmética para o coidado da pel, destinada a previr e solucionar todas as alteracións que esta poida sufrir, a través de formulacións naturais específicas.

Chess Excelsior (San Cibrao das Viñas). Unha academia de xadrez online que quere comercializar internacionalmente un servizo que inclúe clases, exercicios, análise e traballo en grupo adaptado ao nivel do usuario.

Madera Plus (San Cibrao das Viñas). É unha empresa de investigación e enxeñaría forestal e da madeira que quere levar a Portugal os seus servizos de valoración de masas forestais por propiedades tecnolóxicas da madeira, clasificación de madeira en rolo na cadena de subministración e servizos dixitais de predición de propiedades da madeira.