Concello de ourense

O servizo de transporte urbano do Concello de Ourense incorpora o seu primeiro autobús eléctrico

A liña 26 estreou o primeiro dos 10 novos vehículos que o Concello e Avanza irán incorporando paulatinamente á frota municipal

Óscar Gómez

Ourense |

O servizo de transporte urbano do Concello de Ourense incorpora o seu primeiro autobús eléctrico
O servizo de transporte urbano do Concello de Ourense incorpora o seu primeiro autobús eléctrico | onda cero

O servizo de transporte urbano do Concello de Ourense incorpora o seu primeiro autobús eléctrico. A liña número 26, que vai desde a Residencia até A Chavasqueira estreou esta mañá o primeiro dos 10 vehículos eléctricos que o Concello e a empresa concesionaria Avanza irán incorporando paulatinamente, a razón dun por semana, ás liñas do servizo público de transporte. Con esta incorporación, Ourense é a primeira cidade de Galicia que conta cun autobús eléctrico que presta servizo nunha liña regular de transporte urbano. O novo vehículo seguirá prestando servizo nesta mesma liña.

Os vehículos foron subministrados pola empresa ourensá UNVI. Ao tratarse de autobuses eléctricos, emiten cero emisións contaminantes e ofrecen unha maior comodidade na rodadura, ao non dispoñeren de caixa de cambios e teren unha marcha máis suave. Así mesmo, a recarga dos autobuses eléctricos é de orixe 100% renovable e están fabricados con compoñentes máis lixeiros que fan posible a optimización das emisións e do consumo.

O servizo de transporte urbano do Concello de Ourense incorpora o seu primeiro autobús eléctrico
O servizo de transporte urbano do Concello de Ourense incorpora o seu primeiro autobús eléctrico | onda cero

Grazas ao uso da enerxía eléctrica, o nivel de ruído é moi baixo, o que fai máis confortables as viaxes para as persoas usuarias do servizo e tamén para os peóns e as peoas, e axuda a reducir a contaminación acústica da cidade. Por outra parte, o deseño interior dos eléctricos implica unha mellor distribución dos espazos, gañando en comodidade e confort.

En canto á accesibilidade, os novos autobuses eléctricos son 100% accesibles para as persoas con mobilidade reducida e contan con entradas e saídas especialmente baixas.

Con esta incorporación, o Concello e Avanza, empresa concesionaria do servizo, apostan por un modelo de transporte limpo, fiable e intelixente que substitúa no futuro os vehículos que utilizan enerxías provenientes de hidrocarburos de orixe fósil por enerxías limpas, impulsando a colaboración público-privada na transición enerxética cara a tecnoloxías de vehículos cero emisións.