O Servizo de Vías e Obras da Deputación de Ourense atendeu un total de 146 incidencias que afectaron á rede provincial durante os temporais da semana. O 85 % das intervencións estiveron relacionadas coa caída de árbores sobre a calzada, un 10 % con desprendementos de terra e rocas dos noiros lindeiros coas estradas e un 5 % con alagamentos nas estradas que provocaron as intensas precipitacións.
O 78 % das incidencias recibidas no centro operativo de comunicacións, situado nas instalacións do parque de maquinaria, foron trasladadas polo 112; un 20 % pola Garda Civil de Tráfico, e un 2 % por particulares.
Para facer fronte a estas incidencias, aos catro equipos de emerxencias que atenden a rede provincial de xeito habitual sumáronse cinco equipos adicionais, cada un dos cales formado por tres traballadores. Deste xeito, traballaron un total de 27 persoas por quendas para cubrir as 24 horas durante todas as xornadas de temporal. Ademais, foi necesario empregar ata unha decena de maquinaria pesada para o restablecemento da circulación ao trafico.