Sete mil escolares ourensáns co seu profesorado participarán na oitava edición da Semana Escolar da Árbore e da Auga, durante a semana lectiva do 21 ao 25 de marzo. A actividade está organizada pola Deputación de Ourense para celebrar os días mundiais da árbore e da auga, que teñen lugar o 21 e 22 de marzo.
Para celebrar estas efemérides, desde a Deputación editouse o conto ilustrado “Alguén roubou o inverno”, escrito por Xosé A. Perozo e ilustrado por Viki Berre, cunha historia de ficción adecuada aos cursos de Primaria. A historia está protagonizada pola Ecopanda, un grupo formado por cinco adolescentes e un robot que traballa pola conservación da natureza. A aventura desenvólvese partindo dunha visita ao encoro de Alto Lindoso en 2022, no momento en que as vilas ourensás asolagadas en Lobios emerxeron pola seca. O obxectivo é que o alumnado observe o fenómeno dos encoros e a utilización da auga para a xeración de enerxía eléctrica, así como a intervención do ser humano no hábitat á hora da súa adaptación ás necesidades de cada momento histórico. Dende aí o libro profundiza en diferentes conceptos, coma a influencia humana no fenómeno do cambio climático ou a importancia dos ameneiros nos ecosistemas naturais.
Como nas anteriores edicións da Semana Escolar da Árbore e da Auga, elaborouse un programa con propostas de traballo e editouse unha guía do profesorado con pautas para que os docentes utilicen o libro, do que cada estudante inscrito recibirá un exemplar. Para chamar a atención sobre o evento nos propios centros escolares editouse o correspondente cartel. A semana rematará coa plantación dun ameneiro en cada colexio.