O SLG pide axudas para o sector da castaña
A pasividade da Consellaría de Medio Rural na loita contra a avespa do castiñeiro unido a outros factores podería facer minguar a colleita deste ano nun 50%
A produción de castaña este ano en Galiza podería caer unha media ao redor dun 50% con respecto á do ano pasado segundo fontes do sector consultadas polo Sindicato Labrego Galego. Trátase dunha mingua en comparación cunha campaña, a de 2019, que xa foi mala de por si. Nada sorprendente vendo a pachorra coa que a Consellaría de Medio Rural segue a afrontar a maior crise que están a vivir os nosos soutos en décadas -a da avespa do castiñeiro-, a pesares de que levamos denunciando esta pasividade no SLG dende 2017, e mentres a produción de castaña segue a caer en picado ano tras ano.
Á incidencia crecente dos ataques da Dryocosmus kuriphilus, este ano houbo que sumar unha seca xeneralizada e inclemencias meteorolóxicas -especialmente sarabia- que arrasaron colleitas enteiras, ademais dunha alta incidencia do chancro.
Ademais, o impacto da Covid-19 tamén impactou negativamente neste sector, que ten na hostalería, asadores e repostaría unha canle importante de comercialización. Así, as empresas e cooperativas do sector están tendo serias dificultades para colocar o seu produto no mercado a pesares de minguar a produción. Isto estase a traducir nunha caída de prezos e na ruptura dun importante elo na cadea comercial: as cooperativas e empresas que habitualmente mercan castaña a particulares, deixaron de facelo ou diminuíron considerablemente as súas adquisicións, co que moitas economías familiares no rural vanse ver resentidas ao verse privadas destes ingresos.
Para o Sindicato Labrego Galego, a raíz da crise na que se está a afundir o sector da castaña é o abandono, por parte das institucións responsables, dun patrimonio de valor incalculable que forma parte da nosa cultura como pobo e que, no eido económico, xera riqueza no rural cuns ingresos anuais ao redor dos 200 millóns de euros nun ano de colleita normal. Ademais, non podemos esquecer o papel indispensábel deste sector á hora de manter coidado e limpo o monte, algo esencial na prevención de lumes e na xestión do territorio.
Este abandono da Xunta de Galicia exprésase en realidades como a inexistencia de liñas de axuda para paliar os danos polas inclemencias meteorolóxicas no sector da castaña. Tampouco debemos esquecer que a castaña complementa as economías familiares, polo que non estamos a falar só de comercializadoras e empresas transformadoras como principais afectadas.
Por todo o devandito, dende o SLG instamos á Consellería de Medio Rural a que, diante da actual situación de excepcionalidade na que se atopan os/as produtores/as, transformadores/as e comercializadores/as de castaña en Galicia, convoque unha liña de axudas para paliar as enormes perdas sufridas na última campaña e que chegue a todos os elos afectados da cadea de produción e comercialización da castaña. Ademais, tamén instamos a Medio Rural a adoptar un compromiso co sector da castaña para reforzalo, de cara a evitar que volvan anos de perdas como o actual, con políticas activas e suficientemente dotadas de recursos que garantan un estado sanitario óptimo dos nosos soutos e, en especial, para enfrontar con garantías a loita contra a avespa do castiñeiro.