O PSdeG-PSOE levará unha iniciativa ao pleno municipal do Concello de Ourense para rexeitar a “inaudita aldraxe” da Xunta con Ourense, e para defender esta cidade como a mellor candidata para acoller a sede física da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), un organismo clave para o noso presente e o noso futuro. A proposta será debatida este venres, 4 de novembro, antes de que a comisión consultiva estatal determine a localización final da axencia, unha decisión que previsiblemente terá lugar este mes.
Concretamente, o PSOE reclama á Xunta que “rectifique a decisión de escoller á cidade da Coruña como a súa candidata para acoller a sede da AESIA e propoña Ourense para este fin, xa que é a única candidata que cumpre todos os requisitos estipulados nos reais decretos que establecen o procedemento para a determinación das sedes físicas de entidades do sector público e na restante normativa que regula a desconcentración da administración estatal”.
O grupo socialista denuncia que “a decisión adoptada polo goberno de Galicia evidencia o pouco ou nulo peso que ten o Concello de Ourense no ecosistema político de Galicia”, xa que nesta “loita de poder e intereses políticos internos” internos da comunidade, “Gonzalo Pérez Jácome non foi quen de facer valer a cidade de Ourense como merece e como precisa”.
O PSdeG-PSOE resalta que “estamos ante un problema nuclear para o futuro da nosa cidade e da nosa provincia”, xa que en Ourense “precisamos accións baseadas nunha discriminación positiva real e no reequilibrio territorial e non no desequilibrio territorial que parece querer fomentar a Xunta”.