Muller

Os socialistas reinvindican o papel das mulleres rurais, imprescindibles e pioneiras

Alba Iglesias, Secretaria Xeral de Xuventudes Socialistas de Ourense, afirma que “As historias dos nosos pobos, a vida que latexa e respira neles, fórmana mulleres que foron invisibilizadas desde sempre”.

Óscar Gómez

Ourense | 16.10.2023 07:57

Os socialistas reinvindican o papel das mulleres rurais, imprescindibles e pioneiras
Os socialistas reinvindican o papel das mulleres rurais, imprescindibles e pioneiras | onda cero

Natalia González Benéitez, Secretaria Xeral do PSdeG PSOE de Ourense, subliñou que “Falar da muller rural é pensar nunha de tantas loitadoras incansables que están a traballar na súa explotación familiar e que souberon adaptarse e reinventarse á vida que se nos puxo diante. Falar da muller rural é falar de persoas con valores como o compromiso, a responsabilidade, a capacidade de traballo e a humildade. Imprescindibles e pioneiras, máis aínda en Ourense”

O Día Internacional da Muller Rural permítenos recoñecer a contribución das mulleres no mundo rural. O futuro do mundo rural depende das oportunidades de emprego e dos plans de vida que alí atopen as mulleres. A realidade das mulleres no rural entraña desafíos e retos específicos. Non é posible separar a desigualdade de dereitos e oportunidades que sofren as mulleres no rural da problemática do despoboamento destas zonas, que vai acompañada dunha dispersión de recursos e servizos públicos e dunha complexa accesibilidade a eles por parte das mulleres.

Proporcionar as capacidades e recursos necesarios para que as mulleres poidan desempeñar o seu papel de axentes de cambio e impulso nas transicións ecolóxica e dixital que tanto potencial de transformación teñen no rural, é unha das grandes oportunidades ás que responder para progresar no desenvolvemento sostible.

Alba Iglesias, Secretaria Xeral de Xuventudes Socialistas de Ourense, afirma que “As historias dos nosos pobos, a vida que latexa e respira neles, fórmana mulleres que foron invisibilizadas desde sempre” e continua reivindicando que “invisibilizando o seu traballo, a súa realidade, a súa vida… e elas, como roda de muíño, nunca pararon”

A presenza e permanencia da muller é clave para o crecemento e desenvolvemento das zonas rurais. Así mesmo, cómpre salientar o papel da muller no rural en materia de iniciativas emprendedoras porque, en xeral, serven como pulmón innovador necesario para soster e garantir a supervivencia do rural. As mulleres están chamadas a desempeñar un papel esencial na dinamización do rural, por iso, o PSOE, a través do Goberno de España, impulsou medidas específicas e implantou políticas de equidade de xeito transversal para reducir as desigualdades de xénero no rural e favorecer o desenvolvemento de todas as súas capacidades.

A igualdade de oportunidades das mulleres rurais esixe dar resposta á sobrecarga de traballo invisible que asumen as mulleres en materia de traballo na agricultura, gandería ou pesca, tarefas domésticas e coidados, que deben asumir en moitos casos pola falta de recursos públicos nos territorios con baixa densidade de poboación.

Aínda que a violencia de xénero é, por desgraza, unha realidade cotiá no medio rural e urbano, no medio rural presenta características propias que aumentan a vulnerabilidade das mulleres, como a dispersión e falta de recursos, a invisibilidade da violencia, a falta de anonimato das mulleres vítimas e o illamento.

“Para que o feminismo sexa real é esencial atopar espazos propios para todas as mulleres coas que compartimos territorio. O feminismo rural abarca e fai posible o recoñecemento, valorar ao fin todas esas vidas, traballos e saberes que permaneceros nas sombras” rematou Alba Iglesias, Secretaria Xeral de Xuventudes Socialistas.