Os socialistas reúnen en Ourense ao poder municipalista de progreso
Todos os socialistas galegos arrouparon a Villarino ante os ataques dun “baltarismo caduco"
Os e as socialistas galegos reuniron na terceira cidade de Galicia ao poder municipalista de progreso, fronte ao “caciquismo” e a “letalidade” que representan Alberto Núñez Feijóo e Manuel Baltar. Un cumio municipalista que comezou a primeira hora da mañá rematou ao mediodía cunha foto de familia ante as históricas fontes das Burgas e cun paseo pola zona histórica da capital.No encontro participaron o candidato á presidencia da Xunta e secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; o secretario provincial, Rafa Villarino; Abel Caballero, alcalde de Vigo; Inés Rey, alcaldesa da Coruña; Lara Méndez, alcaldesa de Lugo; Xosé S. Bugallo, alcalde de Santiago; Ángel Mato, alcalde de Ferrol; Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía; Valentín G. Formoso, presidente da Deputación da Coruña; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra e José Tomé, presidente da Deputación de Lugo, así como candidatos e candidatas ao Parlamento de Galicia nas eleccións autonómicas.
Gonzalo Caballero asegurou que “os gobernos municipais nos concellos e deputacións de Galicia representan progreso, benestar, estabilidade e oportunidades para a cidadanía”, antes de resaltar “un gran acordo do Partido Socialista para abrir unha etapa de progreso e benestar ao fronte da Xunta de Galicia en sintonía cos alcaldes, alcaldesas, presidentes e presidentas das deputacións”. “O 55 % dos galegos e galegas teñen hoxe un alcalde ou alcaldesa socialista e o pulo acadado hai un ano nas eleccións municipais, danos forza para abrir agora unha nova etapa tamén na Xunta”.
“O poder de progreso que quere a xente e iste poder municipalista que é a referencia e o espello no que nos imos mirar para unha nova etapa de progreso na Xunta”, insistiu o líder do PSdeG quen tamén cualificou a Feijóo como “un escapista das súas responsabilidades” polo que, ante este abandono, “sempre estiveron os alcaldes e alcadesas do PSdeG defendendo a veciños e veciñas”.
Tralo cumio municipalista, Rafa Villarino dixo que o “poder municipal socialista” representa “o avance e o progreso que por desgraza non temos en Ourense” e “por iso o día 12 de xullo temos a oportunidade de facer cambiar a realidade nesta provincia que está en mans dun baltarismo que agora estendeu o seu poder ata o Concello de Ourense”. “É tempo de cambiar, de mudar, de facer que a esperanza veña para esta terra e o 12 de xullo é momento oportuno”, aseverou antes de concluír asegurando que “non podemos quedar atrás” polo que “é o momento de que Ourense cambie”.
Todos os socialistas galegos arrouparon ao secretario provincial e líder do PSdeG en Ourense, ante os últimos ataques do “baltarismo máis caduco”, logo de ser destapada a “trama de privilexios nas subvencións a pemes e autónomos” no “peor momento da historia do caciquismo cun PP de ourensán en descomposición tralo pacto da vergoña con Jácome e logo da desfeita en votos desde que Manuel Baltar herdou a Deputación, quen perde 17 votos cada día”. “Tras ser difundidas prácticas irregulares polas que xa foron condeados anterioremente, nos próximos días desde o PSdeG-PSOE afondaremos na defensa de todos os afectados e afectadas pola pandemia e chegaremos ata onde faga falta para frear o vergoñento tráfico de poder de Baltar”, advirten